Mos | A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou hoxe en Mos, acompañada polo tenente alcalde, Camilo Augusto, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, ‘Monitores por un Camiño Accesible’ a proposta da Asociación Galega de Actividades Náuticas no marco do programa de “O Teu Xacobeo”, nun acto que tivo lugar no centro asistencial de día da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), colaboradora neste proxecto.
A iniciativa que se desenvolverá en cinco dos municipios atravesados polo Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa terá lugar os vindeiros 31 de agosto e 1 e 2 se setembro nas localidades de Mos, Baiona, Sanxenxo, Vilagarcía e Santiago, e inclúe obradoiros presenciais e online e a actividades náuticas.
Unha completa programación cun nexo común, dar a coñecer o Camiño de Santiago como camiño accesible por mar e por terra formando aos que poidan organizar actividades no marco da ruta xacobea dirixidas a persoas con discapacidade.
Unha proposta da que a representante autonómica destacou a súa contribución a facer de Galicia un destino máis accesible a través da formación dos axentes galegos para que proporcionen a mellor experiencia turística a un público con mobilidade reducida, ao tempo no que impulsa o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño fomentando o intercambio sociocultural entre veciños, peregrinos e turistas.
“Unha proposta da que a representante autonómica destacou a súa contribución a facer de Galicia un destino máis accesible a través da formación dos axentes galegos para que proporcionen a mellor experiencia turística a un público con mobilidade reducida”
Tras destacar que o contido da iniciativa, cun marcado carácter innovador e social, vai ao encontro do propio Plan director Estratéxico do Camiño atendendo á diversidade, como xerador de coñecemento, contribuíndo á sustentabilidade social e económica e ao posicionamento internacional da marca Galicia (conta coa participación de entidades portuguesas e francesas); a delegada defendeu que promover a accesibilidade dende a formación é unha faceta imprescindible polas oportunidades que representa este tipo de turismo.
O proxecto inclúe así a organización dun workshop que terá lugar en Santiago de Compostela o día 31 de agosto composto por dous obradoiros de formación cunha compoñente práctica dirixidos a monitores e persoas que poidan apoiar e axudar, principalmente no eido familiar, a persoas con discapacidade agrupadas en asociacións.
Xa os días 1 e 2 de setembro o programa presencial completarase coa organización de visitas técnicas ao centro de tecnificación de Vilagarcía, o Real Club Náutico de Sanxenxo e o Monte Real Club de Yates de Baiona onde se imparten cursos de vela adaptada. Asemade, impartiranse dous cursos de formación online, un dirixido a familiares de persoas con mobilidade reducida e outro a monitores deportivos, socioculturais e educativos.
Neste sentido, Fernández-Tapias puxo en valor a creación dunha ferramenta dirixida a especializar a monitores de tempo libre, socioculturais e deportivos e a apoiar aos familiares na realización de actividades no exterior con persoas con discapacidade, facilitándolles os coñecementos básicos para poder asistilos na práctica deportiva e na realización do Camiño de Santiago.
A delegada territorial sitúo así as iniciativas que se están a desenvolver baixo o paraugas de “O Teu Xacobeo” o mellor exemplo dun Ano Santo que quere chegar a todos e todas as galegas e todos e cada un dos recunchos de Galicia.
Un Xacobeo que supón un aliciente nesta saída da crise sanitaria, no que ten cabida calquera disciplina artística, cultural, musical ou deportiva, e o mellor revulsivo para a recuperación turística.