Presentación en Ourense do libro “Lírica Revuelta, Prosaía”, de Avelino Jácome

No acto xuntáronse persoeiros da cultura ourensán e autoridades
Avelino Jácome (segundo pola esquerda) durante a presentación do seu libro.

Ourense | No salón nobre do Liceo de Ourense presentouse o último libro do escritor e poeta Avelino Jácome, “Lírica Revuelta, Prosaía”. O acto, organizado pola empresa ourensán Orixe Publicidade e Comunicación e a editorial Andrómena Senlleira, encargada da edición, foi presentado por Marina Sánchez, poeta e artista vencellada ao Grupo “Nós, a Xente do Redor”.

Interviñeron ademais do autor, o profesor, escritor e antropólogo Manuel Mandianes Castro, prologuista da obra e o pintor Paco Ascón, que a ilustrou. Tratase dun libro que recolle en prosa e en verso unha vida de sentimentos, unha escolma das creacións do poeta.

No acto xuntáronse persoeiros da cultura ourensán e autoridades. Estiveron presentes o vicepresidente da Deputación de Ourense Rosendo Fernández; o poeta e presidente do Círculo Poético Ourensán José Ramón Fernández Morgade; o escritor e editor Bieito Ledo; o director do Museo Casa do Patrón de Codeseda (Lalín) Manuel Blanco Villar; o recoñecido pintor ourensán Miguel Ángel Martínez Coello; Rubén Pintos, novelista pontevedrés, e as poetas Fina Cruz e Olga Nóvoa, ademais do crítico e asesor literario do autor Jávier Eneriz, entre outros.

Os asistentes completaron o aforo, os organizadores lamentan non poder dar acollida a aquelas outras persoas que quixeron asistir xa que non foi posible polas limitacións das normas por mor da Covid 19, agardando facer pronto un novo acto onde poidan acudir todos os que o desexen.

O libro pódese mercar nas dependencias de Orixe Publicidade, na rúa Francisco de Moure, 20 ou no Kiosco Marcos, na rúa Bedoya e na dirección de correo electrónico avelino.orixe@gmail.com.