Ourense | O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu un seminario para a presentación do Mapa de Cohesión Social do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. Os encargados de presentalo foron o presidente da Deputación, Luis Menor; a presidenta do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, Lara Méndez e o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, e o director do informe, Roberto San Salvador.
Luís Menor Pérez, recalcou o orgullo que supón acoller un evento deste tipo, pois “ter traballos desta magnitude, que analizan polo miúdo a realidade, apórtanos unha información moi importante para adoptar accións concretas que melloran a calidade de vida das persoas. Ourense é un territorio moi acaído para acoller esta presentación, que nos vai permitir adoptar medidas para paliar os problemas que ten esta provincia e o interior de Galicia”.
Do mesmo xeito, o máximo responsable da Deputación lembrou que precisamente no último pleno da institución provincial foi aprobada, por unanimidade de todos os grupos, unha moción conxunta pedindo una discriminación positiva para a provincia, “coa fin de revertir os problemas de despoboamento, envellecemento e cohesión económica e social”.
Luís Menor puxo en valor que “o Eixo Atlántico leva 30 anos traballando polas persoas e por facer un territorio máis próspero. A cohesión é a cooperación entre entidades.
A clave é o traballo conxunto e debémonos sentir orgullosos de pertencer a un ente como o Eixo Atlántico que fomenta todo isto”.
As claves do Mapa
O informe do Mapa de Cohesión Social representa unha radiografía da cohesión social nos municipios do Eixo Atlántico ao mesmo tempo que xera un sistema de información compartida entre eles que permite corrixir as desigualdades, previr as patoloxías sociais e mellorar as políticas de cohesión de forma coordinada cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas, cuxa aplicación está definida na Axenda Urbana do Eixo Atlántico.
O Mapa de Cohesión Social analiza a complexidade social, a igualdade de oportunidades, o emprego digno, así como a fenda dixital, de xénero e a xeracional ata un total de vectores.
O informe foi elaborado polo equipo de Investigación da Universidade de Deusto Cities Lab Katedra, dirixido por Roberto San Salvador, catedrático da Facultade de Ciencias Sociais e Humanas na Universidade de Deusto.