Ourense | Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta en Ourense, participou mañá na presentación da publicación monográfica sobre a ‘Sintomatoloxía das enfermidades no viñedo galego en imaxes; a número 11 das que a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, leva realizado e publicado para o sector vitivinícola galego nos últimos nove anos.
A presentación desenvolveuse no marco do ‘Salón do Viño e os Licores Galegos de Calidade, ‘Vinis Terrae’ que este ano celebra a súa décima edición. Na mesma participaron Rogelio Martínez, director xerente da Fundación Feiras e Exposicións de Galicia; Juan M. Casares, director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia e Juan Carlos Vázquez, autor da publicación.
O delegado territorial sinalou que a publicación deste manual en imaxes da sintomatoloxía das enfermidades considérase a idónea para a súa utilización e emprego en campo polo viticultor, sexa en edición formato papel como dixital. Gabriel Alén salientou que “este manual permitirá unha identificación rápida de patoloxías e, polo tanto, unha capacidade de respostas maior e mellor”.
Segundo o director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, Juan M. Casares, esta publicación terá unha gran utilidade para os viticultores galegos ao respecto de enfermidades no viñedo, como o mildio, o oídio, a podremia gris e o black-rot.
“Sintomatoloxía das enfermidades no viñedo galego en imaxes” completa un ciclo de publicacións da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, que se dedicou durante estes nove anos ao estudo, tratamento e control daquelas enfermidades que teñen impacto no sector vitivinícola de Galicia. Neste senso no ano 2017 saíu do prelo un tríptico de “Xestión integrada de pragas e produción integrada no viñedo”, no que se amosaban os principios xerais para realizar un control fitosanitario sostible no viñedo galego.
No ano 2019 viu a luz o monográfico titulado as “Principais enfermidades do viñedo e seu control”, no que se describían os síntomas das principais enfermidades, o ciclo de desenvolvemento, a estimación do nivel de risco e protección do viñedo, as propiedades dos diferentes tipos de preparados fitosanitarios e todas aquelas medidas culturais e de manexo do cultivo que diminúen a sensibilidade do viñedo.
A publicación completa toda a información que se precisa para o control dos fitopatóxenos a través dunha correcta identificación dos síntomas das enfermidades que afectan o viñedo galego. Para elo proponse un método didáctico baseado na identificación áxil e sinxela dos síntomas a través de imaxes das mesmas.
A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia posúe un arquivo de imaxes tomadas no decurso dos traballos de seguimento e realización dos diferentes estudos e ensaios da sanidade no viñedo, que constitúen a base da publicación presentada.