Mondariz | Este domingo 10 de decembro a partir das 17 horas da tarde terá lugar un serán especial na Casa parroquial de Mourelle en Gargamala (Concello de Mondariz) co gallo da presentación do libro “Mulleres de Gargamala!” que a etnomusicóloga Xulia Feixó e o folklorista Guillerme Ignacio acaban de publicar na colección Chave Mestra que edita aCentral Folque.
O acto será en forma de festa e celebración das músicas que nos legaron e mantiveron viva as pandereteiras de Gargamala ao longo das xeracións e que están representadas nas mulleres que gardaron na súa memoria as cantigas, os xeitos e o esforzo de organizar e partillar a súa saberdoría. Moitas das protagonistas estarán presentes este domingo para cantarnos pezas para que o público baile. Acompañadas estarán os grupos locais O Son do Rio, Guiriñas de Castromao e Cantarillegas de Castromao. O acto será conducido por Elena Pérez “Leni”. Ao final haberá un palco aberto para todas aquelas persoas que queiran seguir facendo a festa.
O LIBRO: “Mulleres de Gargamala!. O son do Condado”
Se Mondariz é sinónimo de pandeireteiras en Galiza, Gargamala é unha das súas capitais indiscutibles. As mulleres e homes desta parroquia souberon manter un enorme repertorio de cantigas bailables para o serán acompañadas da pandeireta e da gaita, entre bailes soltos e agarrados. Pero non só. Conservan ademais un bo número de cantares a capela, do ciclo da vida coma xogos ou arrolos; ou do ciclo do ano coma cantares de Reis ou das labores do agro. Dentro destes inclúense tamén os pertencentes ao ritual da Aña, correspondente ao tempo das labradas, e onde cantan ao son que marca a propia ferramenta de traballo (o leghón) batida cunha pedra.
Este libro contén fotografías a cor, textos para entender o contexto no que se devolven estas prácticas musicais, partituras e un CD con pezas de diferentes arquivos sonoros e gravacións novas feitas á última xeración de cantadeiras de Gargamala.
O Serán en Gargamala é tamén o domingo ás 17 h na Casa parroquial de Mourelle, conducido por Elena Pérez, “Leni”. Actuarán: “Guiriñas” e Cantarillegas” de Castromao; O Son do Río; Pandereteiras de Gargamala; e Palco Aberto a seguir
Organiza: Concello de Mondariz/aCentral Folque. Colabora: Asociación de Mulleres Rurais de Gargamala
link: http://www.folque.com/01.140415wp/mulleres-de-gargamala-libro-e-seran/