Presentada a candidatura de Ponte…nas ondas! ao Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO

Co apoio da Xunta de Galicia e do goberno portugués

Vigo | Ponte…nas ondas! emitiu un comunicado no que informa da presentación da súa candidatura ao Rexistro de Boas Prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.

A continuación, a carta enviada:

Estimad@ amig@,

Permite que nos dirixamos a ti como persoa que participou na experiencia de Ponte…nas ondas! ao longo destes 26 anos xa pasados.

Queremos compartir contigo unha boa nova: Portugal e España, co apoio da Xunta de Galicia, presentaron a candidatura de Ponte…nas ondas! ao Rexistro das Boas Prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da UNESCO.

“Portugal e España, co apoio da Xunta de Galicia, presentaron a candidatura de Ponte…nas ondas! ao Rexistro das Boas Prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da UNESCO”

Como poderás entender, o feito de ser tida en conta a nosa experiencia por parte de dous Estados ( e tres administracións ) para ser presentada xa supón un importante aval ao labor de Ponte…nas ondas! A inscrición na UNESCO, prevista para finais de 2022, será o máis importante recoñecemento que unha experiencia educativa transfronteiriza pode conseguir.

E isto ten sido posible grazas a persoas coma ti que contribuístes a chegar até aquí, co teu traballo e coa túa dedicación que puxeches no proxecto. Como poderás imaxinar, o camiño non foi fácil, houbo dificultades e decepcións como na vida mesma, mais agora podemos dicir que valeu a pena, que o esforzo realizado non foi en van.

Queremos contarche brevemente como chegamos até aquí:

En xullo de 2017, o Ministério de Negocios Estrangeiros de Lisboa (Comissão Nacional da UNESCO) de Portugal, a Secretaría de Cultura do Ministerio de Cultura de España e a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia reúnense en Lisboa e acordan comunicarnos, por escrito, que decidiran presentar a candidatura de PONTE…NAS ONDAS! ao Rexistro das Boas Prácticas co PCI da UNESCO.

A partir de entón realizáronse todos os traballos necesarios para presentar o expediente da candidatura, traballos que foron supervisados polas tres institucións e que foron avaliados por comités de expertos e órganos consultores. No mes de marzo pasado, os embaixadores de Portugal e España presentaron a candidatura de Ponte…nas ondas ! na sede da UNESCO.

Tal como está contemplado no regulamento, a proposta será avaliada e revisada durante o 2021 e no final do 2022 será inscrita no Rexistro de Boas Prácticas co PCI da UNESCO. Agora, queremos contar contigo para que te sintas parte deste proceso. Dá igual se xa non tes participado en Ponte…nas ondas!, formas parte da súa historia e por iso queremos transmitirche que estaremos encantados de poder contar coas túas achegas e suxestións, na medida na que queiras participar. A nosa idea é, cando menos, manterte informado/a do proceso.

“Tal como está contemplado no regulamento, a proposta será avaliada e revisada durante o 2021 e no final do 2022 será inscrita no Rexistro de Boas Prácticas co PCI da UNESCO”

Para iso, se o desexas, incluiremos o teu correo electrónico persoal para achegarche informacións das accións que seguimos realizando.

Ademais, gustaríanos que nos axudases a compartir esta información con outras persoas que coñezas, a través de redes sociais, Whatsapp, correo electrónico ou calquera medio que estimes oportuno. Seguimos recollendo apoios na Web: www.pontenasondas.org

PD. Se queres formar parte da Asociación ( sen compromisos ) envía os teus datos actualizados ( Nome e apelidos, DNI, enderezo postal, correo electrónico) Podes achegalos a: ondas@pontenasondas.org