Mondariz Balneario | A Asociación Europea de Cidades Termais Históricas (EHTTA) elexíu o territorio das comarcas do Condado e da Paradanta para celebrar os actos do Día Europeo do Patrimonio Termal, en concreto Mondariz Balneario. Pola riqueza das súas terras nas que se albergan augas termais e mediciñais, bos cultivos, paisaxes de alto valor medio ambiental e un patrimonio histórico e etnográfico destacado os concellos do Condado e da Paradanta serán escenario do encontro de expertos en termalismo, de visitas teatralizadas e de espazos de traballo arredor do turismo, entre outras actividades.
Así o resumiron as autoridades presentes na presentación da VI Xornada Europea de Patrimonio Termal ofrecida baixo o templete da Fonte de Gándara en Mondariz Balneario.
O alcalde de Mondariz Balneario, César Gil, foi o encargado de dar a benvida á presentación da programación que o GDR Condado Paradanta deseñou en colaboración co Concello e as empresas Balneario de Mondariz, Augas de Mondariz e a EHTTA. O presidente do GDR e alcalde de Covelo, Pablo Castillo, salientou a importancia de traballar en equipo para a posta en valor da riqueza medio ambiental, histórica e termal da contorna porque “temos moito que ofrecer, somos o turismo do benestar, onde fortalecer a nosa saúde ao tempo que podemos gozar de bos produtos da terra, de panorámicas incribles, de puntos starlight e achegarnos a historia máis antiga das nosas orixes”.
A presentación estivo arroupada pola deputada provincial de Turismo e alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, quen salientou a importancia destas terras “que son das cinco únicas afloracións de augas termais que existen en Europa”, a deputada quixo tamen reivindicar o termalismo como un concepto de calidade e recoñecemento histórico que non debe confundirse coa oferta spa.
Marta Mariño, secretaria territorial da Xunta en Pontevedra, quixo salientar a importancia que ten acoller esta sexta xornada internacional posicionándonos no mapa Europeo como un dos maiores referentes. Ricardo Fuciños e Amalia Gallego de Balneario de Mondariz agradeceron que hoxe se materialice esta idea xurdida xa anos atrás e Alberto Cavadas, responsable de Aguas de Mondariz valorou de xeito moi positivo que sexa a vila de Mondariz Balneario a anfitrioa europea coincidindo coa celebración dos 150 anos de declaración de utilidade pública das Aguas de Mondariz.
Pola súa banda, Mario Crecente, presidente do comité científico da EHTTA salientou a participación de expertos internacionais cos aprender e compartir experiencia e coñecementos.
A VI Xornada Europea de Patrimonio Termal arrincará o vindeiro mércores día 11 de outubro coa recepción na que participarán, César Gil, alcalde de Mondariz Balneario; Víctor Leal, vicepresidente de EHTTA; Ricardo Fuciños, director de Balneario de Mondariz; Alberto Cabadas, director da planta embotelladora de Aguas de Mondariz, o presidente do GDR Condado Paradanta, Pablo Castillo e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.
A continuación comezará o congreso de expertos en termalismo liderado por Mario Crecente, arquitecto experto en patrimonio e presidente do comité científico da EHTTA, que irá conducindo aos e ás conferenciantes chegadas de distintos puntos do continente. Jorge Mangorrinha, PhD, Centro de Estudos Globais da Universidade Aberta (Portugal); Anne Pirard, Site Manager Spa (Bélgica), Patrimonio de la Humanidad, Grandes Ciudades Termales de Europa; Samantha Bosshart, directora ejecuRva, Saratoga Springs Preserva Ron FoundaRon e Álvaro Bonet, experto na figura de Antonio Palacios reflexionarán arredor de termalismo afondando no pasado e proxectando o futuro.