O Porriño | Nun sinxelo acto celebrado este mediodía no salón de plenos, a Asociación de Panadeiros presentou ao Concello, o rexistro “Pan do Porriño” outorgado pola Oficina Española de Patentes e Marcas, dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
David Alonso, concelleiro de Promoción Económica e Turismo; e Cami Moreira, concelleira de Cultura e Festas, en representación do Concello, recibiron un exemplar do título acreditativo da marca “Pan do Porriño” que lucirá a partir de hoxe nas oito panaderías que promoveron esta marca e adheríronse ao selo. Son “Forno de Mosende”, “Chinchina”, “Argibay” “Amaquía” “O Progreso”, “Erundina”, Milagros” e “Panadería Torneiros”.
Cinco dos oito panadeiros acudiron hoxe a presentar o rexistro e agradecer ao Concello o seu apoio a “unha reivindicación que levou moitos anos de traballo e xestións ata acadar este recoñecemento”, segundo explicou José Manuel Fernández, presidente da Asociación e propietario de “Forno de Mosende”.
“Reivindicaron a necesidade de recuperar a Festa do Pan e de atopar outros instrumentos de promoción nacional e internacional do Pan do Porriño”
Na mesma liña, reivindicando a necesidade de recuperar a Festa do Pan e de atopar outros instrumentos de promoción nacional e internacional do Pan do Porriño, manifestáronse José Manuel Fernández (“Chinchina”); Claudio Argibay “Panaderia Argibay), Luis Miguel Iglesias (“Amaquía”) e José Carlos Fernández (“O Progreso”).
Pola súa banda a concelleira de Cultura e Festas expresou a súa satisfacción por “este empoderamento do Pan do Porriño por que é moi importante que se ligue a identidade da bola do pan co Porriño e con todas as actividades culturais e festivas que fagamos”.
David Alonso manifestou que “benvido sexa este recoñecemento dunha tradición histórica”.
O concelleiro de Promoción Económica subliñou que as oito panaderías que integran a Asociación e lucirán o selo “xeran case cen postos de traballo no pobo o que supón unha fonte de ingresos para moitas familias”.
Tanto Cami Moreira como David Alonso comprometéronse coa Asociación a manter reunións nos vindeiros días para reanudar neste ano a celebración da Festa do Pan (probablemente en outubro) e lanzar outras iniciativas de promoción e coñecemento do “Pan do Porriño”.