Ames | O Concello de Ames e Demarcación de Carreteras, deron a coñecer o anteproxecto da intervención prevista para mellorar o acceso ao Polígono do Milladoiro nunha xuntanza que mantiveron onte coa Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro na Casa da Cultura. Dende a Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro, Javier Santos, trasladou a importancia de que as entradas e saídas ao polígono sexan fluídas.
O rexedor municipal, Blas García, xunto ao concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández e a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz mantivo unha xuntanza co presidente da Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro, Javier Santos; co Xefe de Demarcación de estradas, Ángel González e co Xefe do Servizo da área de conservación de estradas, Francisco Prego na que se presentou o anteproxecto previsto para o novo acceso ao Polígono deste núcleo.
O alcalde de Ames cumpre así o compromiso que adquirira na reunión mantida cos empresarios no mes de xullo de amosarlle o anteproxecto unha vez recibido e realizar unha xuntanza cos responsables da Asociación do Polígono para que estes puidesen aportar a súa valoración. Nesa xuntanza, Demarcación de Carreteras, trasladou que se está a traballar para someter o proxecto a información pública o antes posible.
Por outra banda tanto dende o Concello como dende a Asociación de Empresarios do Milladoiro, fíxose fincapé na necesidade de contar cuns acceso de entrada e saída que permitan un tráfico fluído nun núcleo como é O Milladoiro no cal está a crecer tanto a poboación coma o número de empresas, sobre todo, na zona de Novo Milladoiro, o que incrementa o número de vehículos que acceden e saen pola rotonda en que se contempla dita intervención.
“Dende o Concello e a Asociación de Empresarios do Milladoiro fíxose fincapé na necesidade de contar cuns acceso de entrada e saída que permitan un tráfico fluído nun núcleo como é O Milladoiro”
Deste xeito, dende Demarcación de Carreteras, anunciouse un estudo de tráfico en horas punta para poder analizar a posibilidade de levar a cabo unha segunda fase deste proxecto, completando así unha mellora nos accesos tanto de entrada como de saída e acadando unha maior fluidez do tráfico rodado na entrada e saída do núcleo máis poboado de Ames.
O alcalde de Ames, Blas García, agradeceu a dispoñibilidade de Demarcación de Carreteras por terse achegado ata o municipio amesá, así como as suxestións aportadas pola representación dos empresarios do polígono amesá e afirmou “o Concello de Ames traballa para que canto antes se poida executar este proxecto que é o paso previo a humanización prevista para a nacional N550 ao seu paso polo Milladoiro”.
Humanización da N-550
Este proxecto de intervención nos accesos é o paso previo ao proxecto de humanización da N-550 que contempla unha nova estrada con só dous carrís de circulación, un en dirección Santiago e outro en dirección Teo. Ampliando deste xeito as beirarrúas e a mediana.
Esta mediana, que se situaría na parte central de Milladoiro, permitiría ademais que se incrementase o espazo de ocio e descanso. O espazo peonil tamén se incrementaría coa instalación combinada de zonas verdes e arborado. Proxéctanse ademais dúas glorietas de diferente tipoloxía para permitir o xiro e cruce a ambos lados da avenida.
Ademais, seguindo as recomendación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA), prevese a posibilidade de facer beiravías de remonte en toda a avenida e en ámbolos dous sentidos co obxectivo de que sirvan de aliviadoiro para os casos de avarías ou outras circunstancias que obriguen á parada dos vehículos. O Ministerio de Infraestructuras deseñou un acceso directo de entrada e saída ao parque empresarial, sen pasar pola glorieta de entrada ao Milladoiro, de cara a conseguir maior axilidade no tráfico rodado.