Tui | O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quere agradecer a toda a cidadanía participante no acto de presentación da diagnose da Axenda Urbana de Tui a súa implicación e colaboración. O alcalde fai tamén extensivo o seu agradecemento a todas as persoas participantes nas mesas de traballo, nas entrevistas semiestruturadas e nas enquisas telefónicas realizadas no proceso de participación que permitiu presentar, agora, a análise DAFO de Tui.
“Estamos moi satisfeitos coa resposta das directivas dos diferentes colectivos e asociacións culturais, veciñais, de montes, deportivas, económicas ou sociais que amosaron a súa implicación no deseño do futuro de Tui aportando a súa percepción e trasladando ao equipo da Axenda Urbana as súas inquedanzas”, explica o alcalde, Enrique Cabaleiro. Ao longo dos últimos meses a cidadanía traballou en equipo coa Axenda Urbana para analizar as principais eivas e fortalezas e salientar os aspectos máis positivos así como aportar iniciativas ou ideas que foron recollidas na diagnose.
O equipo da Axenda Urbana resumiu, a un amplo público, os principais motores de forza cos que conta a cidade e que a fan singular e distinta respecto ao resto das da provincia e avanzou as dez liñas estratéxicas baixo as que agruparán o plan de acción. As e os participantes puideron puntuar cada unha das liñas de traballo para avaliar a importancia de cada una delas e establecer unha orde de prioridades.
A diagnose recolle a situación actual da localidade a través de datos, permitindo a comparación con outras realidades locais e coñecer os efectos da implementación da Axenda. Senta, ademais, a folla de ruta a seguir nos vindeiros dez anos ao recompilar un listado de actuacións de mellora en torno aos obxectivos da AUE (Axenda Urbana Española).
As entrevistas aos actores chave (grupos da Corporación, técnicos municipais e profesionais que interactúan co Concello) conclúen como indispensable traballar no estímulo da cooperación a nivel da Eurocidade para facer valer a centralidade do nodo Tui-Valença no contexto do Miño; consensuar ubicación de novos espazos de estacionamento, promover o contacto co tecido social para crear sinerxías que se veñen revelando como eficientes e de utilidade; elaborar unha estratexia turística que teña en conta os cambios recentes: pandemia, incremento de peso do Camiño Portugués,… ; revisión consensuada das futuras necesidades de investimentos no conxunto municipal (ante a ameaza de recesión económica, escaseza de materiais, custes enerxéticos, …); debate e contactos co empresariado local para facer máis competitivos e atractivos o comercio, hostalería e restauración tudense.
Pola súa banda as parroquias coincidiron en salientar a necesidade de mellorar as conexións peonís e de seguridade vial entre os distintos núcleos; transporte público para conectarase co centro urbano, coas parroquias e cos concellos da área metropolitana, mellorar a conectividade a internet e telefonía móbil; actuar en estradas en mal estado; conexión ás redes de saneamento onde aínda non chega e investir na protección e mantemento das estruturas municipais, camiños tradicionais e elementos etnográficos, entre outras cuestións.
No centro urbano a mellora das bolsas de aparcadoiro existentes e consenso para a apertura de novos espazos de estacionamento así como a revitalización do Conxunto Histórico (locais e vivendas) foron as principais demandas xunto as necesidades de accesibilidade, de fomento do comercio local e de apertura dos locais sen actividade, o prezo da vivenda e as bolsas de alugueiro para a mocidade.
Ao anterior súmase a petición de melloras na rede de equipamentos/infraestruturas deportivas e culturais e a simplificación de trámites burocráticos coas administracións.
Equipo da Axenda Urbana e as persoas participantes concluíron que Tui conta con fortalezas como un crecemento poboacional por enriba da media en núcleos de poboación similares en Galicia; unha situación estratéxica no Eixo Atlántico e na fronteira con Portugal, conectado a través dunha densa rede de comunicacións, unha importante riqueza en patrimonio cultural, natural e paisaxístico (río Miño, Monte Aloia, Camiño de Santiago e Centro Histórico); a existencia de camiños tradicionais e sendeiros que conectan parroquias e centro urbano; un forte movemento asociativo; o potencial do eixo entre o Monte Aloia e o río Miño, ambos conectados por sendas verdes e azuis que atravesan todo o territorio; políticas públicas en materia de mitigación do Cambio Climático e de fomento de enerxías sostibles (Plan Forestal de Galicia cara a Neutralidade Carbónica 2021-2040) e a inclusión de Tui no Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, entre outras moitas.
En base a estas fortalezas e necesidades o equipo da Axenda Urbana, da man do goberno municipal, redactará o Plan de Acción da Axenda Urbana que contemplará iniciativas de carácter normativo, de investimento e de difusión para procurar un futuro sostible. Deste xeito, agruparán os proxectos que integrarán a estratexia de crecemento arredor dos dez eixos da Axenda Urbana Española ordenando o territorio e facendo un uso racional do solo; evitando a dispersión urbana e revitalizando a cidade existente; previndo e reducindo os impactos do cambio climático; facendo unha xestión sostible dos recursos; favorecendo a economía circular; favorecendo tamén a proximidade e a mobilidade sostible; fomentando a cohesión social e buscando sempre a equidade e impulsar a economía local … pero ademais garantindo o acceso á vivenda, fomentando a innovación dixital e mellorando os instrumentos de intervención e boa gobernanza.
A Axenda Urbana de Tui está financiada cos fondos europeos Next Generation e conta cunha páxina web propia da estratexia https://axendaurbanatui.gal/
Polas súas fortalezas a Unión Europea e o goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, decidiron apostar por Tui converténdoo no único concello da provincia de menos de 20.000 habitantes con financiación para redactar a súa Axenda Urbana.
Tui camiñará cara un desenvolvemento sostible no que a procura dunha mellor calidade de vida para a veciñanza é o obxectivo prioritario e farao cun documento consensuado financiado cos fondos Next Generation e que planificará os vindeiros dez anos en liña con dez obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS).
Dos 8.131 concellos que hai en España tan só 121 foron seleccionados para a redacción dunha Axenda Urbana.
Éxito no impacto do Camiño Portugués nas redes
Máis de 5 mil membros e 2 millóns de impactos, son dúas da cifras destacadas do perfil “Camiño Portugués. Tui” na rede social Facebook promovida polo concello de Tui en xullo de 2020. Naceu co obxectivo de cubrir unha das eivas que se detectaban na promoción da ruta xacobea ao seu paso pola cidade e a súa escasa presenza nas redes sociais, especialmente en Facebook, xa que esta rede social é a máis empregada no ámbito da peregrinación.
Nestes dous anos de funcionamento xa son máis de 5.000 os membros pertencentes a este grupo en Facebook, un número récord no mundo das redes sociais para seren un grupo centrado tan só nunha ruta e en concreto nunha cidade dela. O número total de visualizacións directas foi de 1.000.000. As liñas de extrapolación ofrecidas polos estudos sociolóxicos permiten afirmar que, sumada esa cantidade ás visualizacións ou replicados nos outros grupos, a cifra total duplicaríase, ata chegar aos 2.000.000 de impactos.
Trabállase mediante palabras clave e cunha metodoloxía programada sobre os contidos: adiviñas os luns, vídeos os sábados, foto en branco e negro os domingos, etc. Préstase especial atención ao tramo Ponte de Lima – Santiago e ao Caminha – Valença. É un grupo de servizos non tanto de debate, aínda que non se rexeita especialmente no que atinxe ao carácter histórico deste Camiño Portugués fronte a outras rutas como o Camiño Portugués da Costa ou a Variante Espiritual, carentes desa dimensión.
Para os meses de menor actividade foi deseñada unha publicación diaria titulada “Tui, paso a paso” subindo unha foto cada 50 pasos na traza da ruta por Tui. As visualizacións teñen unha media de 1155 persoas ao día. O perfil de membros é maioritariamente feminino, o que concorda co propio Camiño Portugués onde a presenza de mulleres é moi alta, evidenciando a seguridade que ofrece esta ruta. Este perfil está atendido por ata catro persoas. Diariamente suben unha foto de actualidade a instagram (onde hai 1.003 seguidores) e entre dous e catro posts ao grupo de Facebook, incitando á interacción dos propios peregrinos. As entradas se replican diariamente nunha ducia dos 77 grupos que existen centrados no Camiño e Santiago e en varios idiomas.
Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, este perfil “Camino Portugués. Tui” ten respondido aos obxectivos para o que foi creado: ofrecer información sobre a nosa cidade para todos os usuarios interesados no Camiño Portugués e contribuír deste xeito ao posicionamento da nosa cidade como referencia central das rutas de peregrinación xacobeas de Portugal.