Luís Antonio Gómez Piña (PSdeG-PSOE) é alcalde da Cañiza desde 2019. Recentemente estivo en Lisboa para reunirse coa diáspora e promover os produtos gastronómicos deste Concello da Paradanta que, o vindeiro 15 de agosto, celebrará a súa tradicional Festa do Xamón da Cañiza.
LVI Festa do Xamón da Cañiza. Hai algunha variante este ano?
Si. É a primeira Festa do Xamón que se fai despois da pandemia, o que condiciona todo porque fai un ano non tiñamos a seguridade de facela. A festa que se realizará na carballeira do Cacharado conta co xamón curado; xamón e tortilla; xamón asado; e xamón co viño tinto. O plus que xa lle demos na edición de 2019 e imos manter é a presenza de viños de adegas da Cañiza con Denominación Rías Baixas. Co respecto ás vindeiras edicións gostaríame ampliar o carácter temporal da festa, acordado cos hostaleiros e xamoneiros, mais aló da que tradicionalmente se realiza na mañá do día 15 de agosto.
Cal é a implicación da hostalería na Festa?
Tanto como na parte gastronómica, os negocios contribúen cunha programación bastante intensa. Temos a actuación de Budiño e de dous grupos musicais (The Tetas Van e Broken Peach), verbenas e orquestras (Kubo, Grupo Alkar, Os do Cruceiro, Asociación Cultural Santa Cristina de Valeixe e a charanga Evaristo) Tamén haberá a Comitiva do Xamón, degustación, catas de viño e concurso de cortadores de xamón.
Recentemente Vde. estivo en Lisboa coa emigración cañicense e galega. Foi unha iniciativa puntual?
Achegámonos a Lisboa para promover os produtos da Cañiza mais aló do económico e turístico, con degustación dos produtos locais (xamón, viños, mel, queixo e chocolate) Abriuse a oportunidade de vender estes produtos en establecementos en Lisboa, de comercializar os viños da Cañiza e de promoción no Corte Inglés de Lisboa. Debe destacarse que estivo presente o presidente da Cámara de Comercio Luso-Española.
“O obxectivo é realizar anualmente un acto na Cañiza cos emigrantes”
Lisboa é un dos sitios con maior emigración cañicense e nós temos aquí parroquias (Franqueira, Petán, Parada) moi vinculadas coa capital portuguesa. Pero tamén foi un acto de relación cos cañiceneses e galegos que viven alí. É un primeiro paso porque eu pretendo crear o Consello dos Cañicenses no Exterior. O obxectivo é realizar anualmente un acto na Cañiza cos emigrantes, a decidir entre maio ou xuño e, dependendo do tema económico, poder tamén desprazarnos a aqueles lugares onde está a diáspora cañicense en Europa e América.
Hai un novo impulso á Vía Mariana?
A Vía Mariana estivo un pouco parada polo tema da pandemia pero tanto nós como outros Concellos estamos pola labor de impulsala. Por iso acordei un convenio con eles, que asinarán a Asociación de Veciños da Parroquia de Parada e a Comunidade de Montes coa finalidade de abrir alí un albergue como punto de referencia para os peregrinos desta ruta, unha vez teñamos os recursos necesarios.
“A Vía Mariana ten futuro”
Ten peregrinos esta Vía?
Si. A Vía Mariana ten futuro. É un plantexamento que leva anos e eu persoalmente son socio porque a sede está na parroquia de Parada, no local municipal do Feirón, onde pretendemos facer o albergue.
Acaba de reunirse cos alcaldes de Melón, Mondariz, Mondariz-Balneario e O Covelo. Con qué intención?
Somos cinco Concellos que acabamos de asinar por unanimidade un convenio, con subvención da Xunta de Galicia, para poñer en marcha a partir do 1º de agosto o Servizo de Atención Temperá para dar atención aos nenos de 0 a 6 anos que teñan certas dificultades. Este servizo de pediatría conta con tres profesionais e estará os luns e martes en Mondariz, cubrindo tamén Mondariz-Balneario; o mércores en Covelo; e xoves e venres na Cañiza atendendo tamén Melón. É unha iniciativa que eu impulsei e que inclúe Concellos con tres cores políticas diferentes.
Iso pode ser o inicio dunha futura fusión de Concellos na Paradanta?
Non. Para este servizo cohesionámonos cinco Concellos. Para a Eurocidade (do Miño) cohesionámonos outros Concellos (Crecente, Arbo, A Cañiza, As Neves e Melgaço) Estou tamén pensando noutras iniciativas de asistencia social onde a coalición pode ser diferente, en función das circunstancias. Eu si creo que nun futuro teremos que plantexarnos certos funcionamentos porque existe unha hiperdimensión dende o punto de vista administrativo, polo que debemos buscar fórmulas de simplificación deses servizos; tamén hai un debate sobre os ámbitos territoriais dentro do modelo comarcal en Galicia no que posiblemente podería haberse feito unha cohesión no ámbito comarcal de determinadas competencias non suxeitas a límites xeográficos, como o saneamento de concas hidrográficas, recollida de sólidos urbanos, etc.
A poboación vai baixando mentres a prestación de servizos vai aumentando.
Temos un problema demográfico grave en Galicia porque a poboación vai en declive, principalmente no rural. Os nosos Concellos tamén están moi diseminados, con moitos núcleos de poboación. Por tanto dar servizos co modelo que temos resulta moi caro.
Falaches da Eurocidade. Como ves esa iniciativa?
Para mín sempre foi un elemento atractivo. A Cañiza ten que sumarse ao tren de oportunidades. No caso da Eurocidade, non fai falla ter fronteiras físicas. O espazo territorial dos catro Concellos galegos, A Cañiza, Arbo, As Neves e as Crecente con Melgaço é un plano xeográfico e orográfico practicamente definido. O obxectivo é a interacción de proxectos conxuntos en materia económica, social, cultural e tamén de financiamento europeo. Recentemente reunímonos en Melgaço e é moi posible que no outono asinemos o documento formal de constitución da Eurocidade. Estamos na fase de debate, planificando entre outras cousas un catálogo de servizos e un cartón de veciñanza da Eurocidade para que poida gozar de tódolos servizos da Eurocidade.
“É moi posible que no outono constitúase formalmente a Eurocidade do Miño”
Pero noutras experiencias como a Eurocidade Cerveira-Tomiño atoparon dificultades neste sentido.
Estamos falando de infraestruturas municipais de carácter deportivo, de ocio, culturais. Non doutros servizos competenciais que non son nosos. Falamos de actividades conxuntas que nos dean a coñecer, desprazamentos de escolares, mobilidade, turismo e promoción exterior dos nosos produtos.
Servizos de alonxamento?
Hai e haberán máis.
A CTAG virá á Cañiza ou vai para a zona das Neves da PLISAN?
Inicialmente estaba previsto na zona da PLISAN, despois púxose o foco na Cañiza. A razón é que o solo no que estaba planificada a CTAG nas Neves recalificouse como industrial, na que futuramente haberá empresas e proverá postos de traballo. Polo tanto, encarecía a construción dese circuíto e púxose o foco na Cañiza. Fíxenlle esa oferta ao delegado da Zona Franca, David Regades. Pero todo dependerá das decisións de carácter de Estado.
“O futuro da CTAG depende das decisións do Estado”
En maio pasado, o PP esixiu a súa dimisión durante un pleno municipal. Como quedou esa petición?
É algo anecdótico, totalmente fóra de lugar e incluso unha torpeza por parte da oposición. A raíz dun plan de provedores que afrontamos con todo o rigor como consecuencia da xestión do anterior rexedor (Miguel Domínguez, PPdeG) que a finais de 2019 me deixa 4,3 millóns € en facturas pendentes de pago con tesourería cero. Eu digo que é a situación máis ruinosa nos 200 anos de existencia deste Concello. Nós afrontamos un reaxuste para ir pagando esas facturas, un proceso previsto para 8 ou 10 anos tal e como informou o auditor. Por tanto, a iniciativa deste señor (Domínguez) de moción de censura na miña contra é un exercicio de distración. El é o responsable político e económico da ruína deste Concello. No plan de provedores nós pagamos máis de 1.500 facturas, a máis antiga de 2014.
Liña de Alta Tensión Transfronteiriza. Afecta isto á Cañiza?
Si, para por aquí, pola altura da montaña, aínda que afecta menos que noutros núcleos de poboación. Como alcalde e veciño gostaríame que ese tránsito non afecte a núcleos de poboación e que teña a menor repercusión medioambiental.
Que significa a nova distinción, a “Landra de Ouro”, que irá a pleno municipal?
O Escudo da Cañiza ten 9 Landras, un froito do carballo que fai parte da nosa flora autóctona. Cada Landra representa unha parroquia da Cañiza. O galardón pretende recoñecer a labor profesional de visitantes e veciños da Cañiza, así como ensalzar o símbolo do seu escudo.