Preto de 800 persoas participaron na promoción do Ribeiro na Coruña

O Consello Regulador reabre novos mercados e reafirma os xa conquistados

Ribadavia | Juan Manuel Casares, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, fixo un balance “moi positivo” da Semana da D.O. Ribeiro que acaba de clausurarse na Coruña.

En varios días de actividades a entidade achegou seus viños a veciños e turistas desta localidade galega “á que nos unen vínculos históricos, xa que dos seus portos embarcaban miles de litros do Ribeiro xa nos séculos XII e XIV”, e que na actualidade é “unha cidade moi importante no noso plan de expansión”, lembrando que o Consello se atopa metido de cheo na conquista de novos mercados.

A Semana da D.O. Ribeiro incluíu a celebración dun Túnel do Viño na sede de Afundación, pola que pasaron 375 persoas en cinco días, e catro catas guiadas ás que asistiron 180 persoas interesadas en coñecer máis en profundidade os treixadura, tanto brancos como tostados; os viños tintos de castes e unha selección de viños da D.O. elaborados por mulleres.

Uns datos que para Juan Manuel Casares “apoian a aposta feita polo Ribeiro para promocionarse e expandirse”, destacando non só a participación, senón tamén o interese xerado e a boa acollida que tivo o programa, froito do esforzo económico realizado polo C. R.D.O. que lles permitiu desenvolver este ano o maior orzamento en promoción da historia do Ribeiro.

O acto central da Semana, a celebración da Gala dos Premios D.O. Ribeiro, reuniu no Centro Ágora a máis de 200 persoas, entre adegueiros, viticultores e amantes do viño, cuxa presenza puxo de manifesto que “o Ribeiro está de moda e que se se sabe aproveitar, vivirá unha nova primavera”.

Ademais, Casares sinalou tamén o positivo que resulta sacar ao Ribeiro da súa zona de orixe, “porque nos permite ver un Ribeiro en todo o seu esplendor, de horizontes amplos, e non encollido en si mesmo”.

Casares incidiu unha vez máis nesa aposta necesaria feita pola entidade para “abrir novos mercados e reforzar os xa conquistados”.

Novos embaixadores do Ribeiro
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, a entrega de premios serviu para recoñecer o labor de persoas e entidades na difusión do viño, pero tamén para sumar novos embaixadores do Ribeiro, “que é moito máis que un viño; é a esencia mesma de Galicia”, tal e como lembrou o presidente da D.O., que este ano entregaron as súas distincións a Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG; a investigadora Emilia Losada, o viticultor José Estévez, a sumiller Pilar Cavero, e ao equipo da revista Hum!, que dirixe Sandra Faginas.

Foron galardoados os establecementos: A Mundiña, da Coruña; Tapas Areal, de Vigo, e Tapería Saborido, de Ourense, mentres que en cata oficial o xurado premiou os viños Torre de Olivar Expresión 2021, de Pazo do Mar, en Branco Adegas; Eduardo Pena 2021, de Eduardo Rodríguez e Luz Cánovas, en Branco Colleiteiros; O Cotarelo 2020, de Benigno Ríos Mosquera, en Tinto Adegas, e Libro 2020, de Antonio Cajide Gulín, en Tinto Colleiteiros.

.