O anuncio por parte dos medios rusos da morte de Evgueni Prigozhin nun accidente aéreo perto da localidade de Tver este 23 de agosto e a destitución, un día antes, do xeneral Serguéi Surovikin precisamente pola súa presunta participación no escuro e infrutuoso intento de golpe Wagner liderado por Prigozhin en xuño pasado, da a entender que o presidente ruso Vladimir Putin e as altas esferas de poder no Kremlin estarían adiantando unha secreta purga de alto nivel en contra de determinados actores cada vez máis incómodos. A purga buscaría así tentar ‘limpar a casa’ e, ao mesmo tempo, a imaxe internacional do goberno ruso afastándose de actores tan radicais como Prigozhin e Surovikin.
É pouco probable que ambos acontecementos, a destitución de Surovikin e a morte de Prigozhin nun accidente aéreo onde tamén iría o seu eventual sucesor Dmitri Utkin, sexan exactamente produto da casualidade ou dun conveniente ‘accidente’. Vendo en perspectiva histórica, existen elementos que poderían indicar procedementos similares realizados polo Kremlin en épocas pasadas.
Para non ir moi lonxe no tempo: o xeneral Aleksandr Lebed, heroe da guerra de Afganistán, exitoso negociador da paz na primeira guerra chechena (1992-1996) e un dos líderes políticos con posibilidades de maior proxección para retar ao poder do entón presidente Boris Yeltsin (a quen Putin lle debe en gran medida o seu ascenso político, entre outras cousas) morreu tamén nun accidente aéreo en 2002. Vinte anos despois parece que a historia se repite dalgún xeito. Fai uns meses, Prigozhin manexara aparentes aspiracións de candidatura presidencial. Hai que tomar en conta que Rusia irá a eleccións presidenciais en marzo de 2024. Ese mesmo mes, Ucraína tamén celebrará eleccións presidenciais. E non perdamos de vista que EE.UU o fará en novembro dese ano.
Sospeitas sobre este accidente aéreo que cobrou a vida de Prigozhin que aumentan ante o evidente poder dos siloviki, o establishment de poder que domina na Rusia de Putin, un conglomerado ás veces complexo emanado dos servicios secretos e de seguridade, algúns deles ex axentes do KGB como é o caso do propio presidente ruso.
O que crea suspicacia é o momento no que ocorren estes acontecementos: por qué agora? Principalmente cando Prigozhin reapareceu publicamente tralo surrealista e fracasado “golpe Wagner” nun cumio Rusia-África realizado en San Petersburgo en xullo pasado. Mentres se realizaba ese cumio aconteceu un golpe militar en Níxer, país de intereses xeopolíticos rusos con implicación dos Wagner de Prigozhin vía a veciña Mali. Isto propiciou unha viraxe máis prorrusa en Níxer e en contra Francia, o que é dicir contra Occidente, nun país que conta con recursos mineiros estratéxicos.
A purga de Surovikin e a súbita morte de Prigozhin e Utkin ocorre simultaneamente nun cumio BRICS que se celebra en Johannensburgo (África do Sur) igualmente estratéxico para un Putin que non pode asistir persoalmente trala decisión do CPI de xulgalo por presuntos crimes de guerra en Ucraína. Pero isto tamén ocorre nun momento en que a tan cacareada contraofensiva militar ucraína da síntomas de ser un bluff, un fracaso que os mass media occidentais tentan por tódolos medios ocultar toda vez eses mesmos gobernos occidentais seguen a facer negocio enviando armamento a Ucraína. Cando moitos pensaban na neutralización dos Wagner vía Bielorrusia, agora podemos especular con que o Kremlin prepárase para unha posible ofensiva a gran escala en Ucraína cunha nova versión dos Wagner afastada dos seus líderes fundacionais e máis dóciles cos intereses do Kremlin. Isto confirmaría igualmente a viraxe rusa cara un pretorianismo militar onde as Forzas Armadas, co ministro de Defensa Serguéi Shoigu á cabeza (inimigo declarado de Prigozhin pero aliado de Putin) saen claramente gañando.
Con matices e sen ánimos de establecer unha comparación histórica, as purgas de Putin, que moitos queren ver como un émulo estalinista, acontecen nun momento de recuperación en Rusia da figura de Stalin como gran líder nacional, incluso con matices pseudorrelixiosos. A guerra en Ucraína motiva ao Kremlin a expresar unha propaganda patriótica a gran escala que anuncia os berces dun conflito de gran nivel entre Rusia e a OTAN, o que é dicir igualmente con Occidente. E para iso, o Kremlin precisaría aplicar un control máis exhaustivo, afastándose de calquera manifestación alternativa, ultranacionalista, como a pregonada por Prigozhin.
Por certo, a destitución de Surovikin e a morte de Prigozhin ocorren 32 anos despois do fracasado ‘putsch‘ do KGB e da ‘liña dura’ soviética contra Mijaíl Gorbachov acontecido o 19 de agosto de 1991. Un golpe efémero, para moitos pouco profesional, impropio dun ‘estilo KGB’ e que levou meses despois á desintegración da URSS. Un golpe tan chapuceiro como o de Prigozhin-Wagner fai uns meses. Hai expertos que aseguran que Putin e os siloviki que hoxe dominan Rusia aprenderon desa lección de 1991 para evitar que se repita. Quen sabe pero esta purga ‘putiniana‘ parecera dar a entender que Rusia volve ao pasado pero en contextos abertamente distintos.