Primeira fase de planificación do Transporte Metropolitano de Ourense

Existe “excelente disposición e vontade de todos os municipios” sostén Luís Menor

Ourense | O comité político-técnico para desbloquear a situación do transporte metropolitano en Ourense, impulsado desde a Deputación, continúa avanzando coa planificación deseñada e coa participación dos concellos de Amoeiro, Barbadás, Cenlle, Coles, Ourense, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar Taboadela, A Peroxa, Punxín, San Cibrao das Viñas, Toén e Vilamarín, así como Esgos e Nogueira de Ramuín, convidados a incorporarse a este proceso.

Nesta segunda reunión, os concellos limítrofes co termo municipal de Ourense presentaron as súas propostas de extensión de liñas, cunha limitación xeral de tres quilómetros de extensión con respecto ás liñas actuais, tal e como se planificara no anterior encontro.

Neste sentido, o Concello de Ourense informou que esta semana levará á xunta de goberno o expediente para a contratación do servizo municipal de transporte urbano, que presenta modificacións, aínda que non substanciais, coas liñas sobre as que se está a traballar neste comité, polo que haberá que reformular determinadas propostas.  “Unha vez solucionada esta pequena incidencia, porémonos a traballar na efectividade das liñas”, explica o presidente provincial, Luís Menor, “co fin de traballar en conxunto todas as administracións”.

Reformulación
Debido a esta situación, na reunión acordouse tamén que todos os concellos limítrofes co termo municipal de Ourense adapten ou reformulen as súas propostas de extensión de liñas, adaptadas ás novas liñas que figuran nos pregos que rexen na nova contratación do servizo municipal de transporte urbano do Concello de Ourense.

Na mesma sesión tamén quedou establecido que cada concello limítrofe reordene internamente as liñas concesionadas pola Xunta de Galicia (mantemento, modificación ou supresión), e o resto de concellos afectados reordene igualmente as súas liñas, tendo en conta as novas paradas terminais coas ampliacións de liñas propostas.

Valoración “moi positiva”
“A valoración é moi positiva, porque aínda que é un traballo moi arduo e somos moitos os actores implicados, manifestouse unha clara vontade de chegar a acordos con datos concretos na man, facendo cada concello os seus deberes en tempo e forma. Continuaremos traballando nas diferentes fases que nos marcamos”, conclúe Luis Menor. A Deputación activou esta comisión político-técnica para desbloquear a situación do transporte metropolitano en Ourense, cumprindo así o compromiso adquirido mediante acordo plenario unánime provincial.