Lugo | A alcaldesa, Lara Méndez, presidiu a primeira reunión previa á constitución da Mesa para a Diversificación Industrial de Lugo, como reforzo da estratexia Lugo Transforma. Esta iniciativa busca crear un espazo de acordo entre os colectivos económicos, políticos, sociais e institucionais para converter á cidade nun polo de atracción de empresas.
Participaron o concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto; a presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo, Noelia López; o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López; a presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo, Beatriz Varela; e o directivo da Asociación de Empresarios do Ceao-As Gándaras, Ramón Alonso.
Lara Méndez subliñou que “dende o goberno municipal estamos traballando en dúas vertentes; por un lado, paliar a perda de emprego que desgraciadamente se vai a producir como consecuencia da pandemia e, por outro, aproveitar o momento e a oportunidade para fortalecer o noso tecido económico, ter menos dependencia do sector servizos, incluso que ese sector terciario, que é fundamental, se vexa reforzado pola industria que poida vir e, polo tanto, deste xeito, retroalimentarnos e orientarnos en tres liñas básicas: innovación, economía verde e dixitalización”.
“A Mesa para a Diversificación Industrial complementa a Estratexia Lugo Transforma, o fondo emprendedor municipal co que o Concello mobilizará 12 millóns de euros en cinco anos, a maior contía destinada pola administración local en toda a súa historia”
A Mesa para a Diversificación Industrial complementa a Estratexia Lugo Transforma, o fondo emprendedor municipal co que o Concello mobilizará 12 millóns de euros en cinco anos, a maior contía destinada pola administración local en toda a súa historia para diversificar a economía do municipio, moi dependente do sector servizos, un dos que está a sufrir máis as consecuencias da emerxencia económica derivada da pandemia.
A iniciativa porase en marcha no segundo semestre do ano e incluirá catro fases: o contacto con todos os axentes participantes, a organización da mesa para a reindustrialización de Lugo, o deseño de medidas de actuación e a implementación e seguimento.
Lugo Transforma
A Estratexia Lugo Transforma, pioneira en Galicia no ámbito municipal, articulase a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores a través da modalidade de fondo de capital risco. Deberán ser proxectos de alto valor engadido tanto de empresas pequenas ou medianas así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta capacitación naqueles sectores que xeren, preferentemente, impacto social e ambiental.
Actualmente, o Concello está inmerso no proceso de adxudicación dun servizo de intermediación financeira para a xestión do fondo municipal, que será o encargado de atraer investimento e empresas co fin de crear postos de traballo en sectores estratéxicos para Lugo, e que acompañen ao modelo de cidade que se está a desenvolver e que a está a situar na vangarda europea en sustentabilidade e na loita contra o cambio climático.