Ourense | O Colexio Oficial de Enfermería de Ourense celebrou a xornada inaugural da I Semana da Infancia, unha iniciativa que reúne durante cinco días a profesionais da saúde, familias, educadores e asociacións para reflexionar e propoñer solucións sobre os retos de saúde e benestar que enfronta a infancia e a adolescencia.
A mesa inaugural presidida por María José Menor, presidenta do Colexio de Enfermería de Ourense, abriu oficialmente o evento, destacando o papel da enfermería na promoción do benestar infantil. No seu discurso, Menor sinalou: “esta actividade será unha oportunidade única para fortalecer a colaboración entre profesionais, asociacións e familias, e mellorar a saúde e benestar dos nosos nenos e adolescentes”.
Desde a organización, tanto COE Ourense como Satse Galicia, destacaron a relevancia da I Semana da Infancia como espazo de encontro: “A Semana da Infancia non só é un foro para a análise, senón unha plataforma para impulsar cambios reais. A nosa misión como enfermeiros é acompañar e garantir o benestar dos nenos e adolescentes en todos os ámbitos do seu desenvolvemento”.
Xunto a Menor participaron Jacobo Xastre Rey, Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica; Laura López do Castillo, Xefa Territorial da Consellería de Sanidade; e Manuel Fariñas, Secretario de Acción Sindical de SATSE Galicia, quen destacou a importancia dun enfoque interdisciplinar no coidado dos máis novos.
Tras a mesa inaugural, o primeiro relatorio da semana correu a cargo de Elisa López Calvo, representante de Anedia, quen presentou unha análise sobre os hábitos saudables na infancia e o impacto do apoio emocional ás familias no manexo da diabetes infantil.
Durante os próximos días, as instalacións do Colexio de Enfermería acollerán a expertos e asociacións para abordar temas esenciais desde distintas perspectivas. Falarase de diabetes infantil, trastornos do espectro autista, enfermidades raras, saúde mental, trastornos da alimentación e como desde o coñecemento e a implicación podemos dar resposta ás demandas de saúde e benestar infantil.
Expertos ao servizo do benestar infantil
Entre os expertos que se darán cita durante a próxima semana en Ourense atópanse Carmen López Rodríguez, directora de FEGEREC; Natividad López Langa, presidenta de AMECE; e representantes de ANPE Galicia, quen achegará a súa experiencia e coñecemento nas xornadas de debate e reflexión. As sesións, abertas ao público, terán lugar desde hoxe e ata o venres, 22 de novembro, no Colexio de Enfermería de Ourense, de 16:00 a 19:30 horas.