Ourense | O PSdeG-PSOE celebrará a primeira xuntanza provincial do socialismo ‘ConMemora’ (que alude ás orixes do socialismo en Ourense) o vindeiro domingo 24 de abril na Peroxa, baixo o lema “olladas de futuro en tempos complexos”. Previamente a esta xornada, tamén terá lugar unha reunión da executiva provincial no auditorio deste municipio ourensán.
‘ConMemora’ contará coas intervencións da exministra de Sanidade e actual presidenta da Fundación Pablo Iglesias, María Luis Carcedo; do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso; do presidente da Cámara de Chaves, Nuno Vaz; de Roman Minsko, representante do colectivo de refuxiados de Ucrania; do voceiro socialista na Peroxa, Antonio González Fiuza e do secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafa Villarino.
Durante o acto procederase á entrega dos premios ‘ConMemora’ ao compromiso político, á solidariedade, á igualdade, á sustentabilidade e á cooperación internacional. Tamén se formalizará o irmandamento co socialismo de Portugal e se impulsará un recoñecemento ao pobo ucraíno.
Continuando coa filosofía de achegar o Partido Socialista de Ourense ao territorio, a última reunión da comisión executiva provincial desprazouse ata O Carballiño, onde foi recibida polo alcalde, Francisco Fumega, nun acto ao que tamén asistiron representantes socialistas desta bisbarra.
Entre os asuntos tratados sobresaíu á organización desta primeira edición de ‘ConMemora’ que, a partir de agora, terá carácter anual.
Tralas análises grupais, a executiva concluíu unanimemente as persoas a premiar, nomes que serán dados a coñecer publicamente no acto da Peroxa.