Santiago de Compostela | Apatrigal, Asociación para a defensa do patrimonio cultural galego, convida a representantes das seis principais formacións políticas en Galicia a participar no Debate sobre o patrimonio galego. Propostas e desafíos dos partidos políticos para o futuro.
Este encontro enténdese como un debate estrutural sobre as accións para a conservación e protección do patrimonio galego, cultural e natural, de cara a unha estratexia a longo alcance, nos próximos 25 anos. Entre outros, falarase sobre patrimonio etnográfico, eclesiástico, urbano ou sobre a relación entre turismo e patrimonio.
O diálogo permitirá indagar nas visións de cada formación sobre o estado desta cuestión e avanzar as súas propostas e compromisos, coa próxima convocatoria electoral como data de referencia.
Apatrigal convoca a participar neste debate ás persoas responsables das seis formacións políticas que acadaron o maior número de votos nas últimas convocatorias electorais en Galicia: PPdG, BNG, PSdG, Sumar, Podemos e Vox.
O debate estará dirixido polo xornalista Ramón Castro e desenvolverase o martes 23 de xaneiro ás 19 horas, no Centro Internacional de Prensa (rúa Nova, 9, Santiago de Compostela)
Retransmitirase a través do Facebook de Apatrigal e da propia canle do Centro Internacional de Prensa
A sala na que se levará a cabo o debate ten un aforo de 85 persoas sentadas, polo que será aberto ao público en xeral e xornalistas que queiran formular preguntas ás formacións políticas. Terán prioridade de presenza no auditorio os asociados de Apatrigal, que terán reservada a súa praza. O resto, será de acceso libre ata completar o aforo
Información adicional: prensa@apatrigal.gal – 629341576 (María)