Prisciliano, que chegaría a ser bispo de Ávila, viviu no século IV e crese que procedía dunha familia acomodada, probablemente da Gallaecia. A súa peculiar interpretación do cristianismo foi declarada herética e el e catro dos seus discípulos xulgados, torturados, condenados e decapitados en Tréveris no 385, onde acudiran voluntariamente para defenderen a súa inocencia. O Emperador era Clemente Máximo e o Papa Dámaso negárase previamente a recibir en Roma a Prisciliano. Os restos de Prisciliano xunto cos catro compañeiros de martirio foron levados en secreto a Gallaecia polos seus seguidores, onde se di que foron venerados como mártires polo pobo. Porén que tiña o doutrina de Prisciliano que tanto amolou ás autoridades civís e eclesiásticas? Que predicaban e en que crían os priscilianistas que tanto triunfaron entre as mulleres e entre as clases populares da Gallaecia? Prisciliano rexeitaba a unión da Igrexa co Estado e a conversión das autoridades relixiosas case en funcionarios, criticaba a corrupción das xerarquías e o seu paulatino enriquecemento. Opoñíase, en fin, ao crecente materialismo da Igrexa e defendía unha volta á auteridade e á pureza inicial do cristianismo. Rexeitaban o dogma da Trinidade, comer carne e beber viño.
Prisciliano era culto e obrigaba aos seus seguidores ao estudo das escrituras, coñecía e defendía tamén a lectura dos textos apócrifos e cría que o mundo era unha confusa mistura entre o ben e o mal, entre a luz e a escuridade e que podían vir novos profetas. Predicou con éxito a súa visión dos textos sagrados, influído polos seus coñecementos gnósticos e maniqueos, e avogaba por un cristianismo no que primara o ascetismo e a relación directa de cada persoa con Deus. Eran todos vexetarianos, defendían o sacerdocio feminino e condenaban a escravitude, aceptando os escravos como iguais entre os crentes. Sentían tamén a necesidade de estar en contacto coa natureza: augas, árbores e bosques, covas… Non consideraban aos bispos como autoridade, senón como doutores ou mestres e, aínda que recomendaban o celibato, non condenaban o matrimonio dos relixiosos. O escándalo debía ser maiúsculo fóra da Gallaecia, porque ademais tiñan amuletos, andaban cos pés descalzos, rezaban en covas ou en casas ailladas, cantaban e bailaban nas cerimonias, participaban nas tradicións populares e ritos contra a seca ou para propiciar boas colleitas, misaban con leite e uvas, practicaban o xexún,… Prisciliano soubo gañar para a súa causa a nobres, algúns bispos e a moitos cregos e tivo un grande éxito entre o pobo; porén desafiaban o poder e foron acusados de herexía e bruxería, sometidos a tortura e executados e os seus bens particulares confiscados. No entanto o priscilianismo perdurou na Gallaecia douscentos anos máis e xurar por Prisciliano era o xuramento máis grave que se podía facer. Porén tamén había xente que non era cristiana. E así vemos como en época sueva, Martiño de Dumio conta no edicto Correctione Rusticorum do 574 como se acendían velas xunto a algunhas pedras, árbores, fontes e encrucilladas. Que aínda se rendía culto ás augas, ao lume, aos astros, aos mortos, aos ídolos; practicábase a maxia, facíanse feitizos e adiviñas. Había unha mistura dalgúns compoñentes priscilianistas e moitos precristiáns. Hai tamén quen di que o sepulcro que se atopou en Compostela no século IX era o de Prisciliano e que nesta catedral están os ósos do primeiro herexe executado polo poder civil; o líder espiritual amado polo pobo.
No Crismón de Quiroga, que se cre de inspiración priscilianista, aparece esta curiosa lenda: “O OURO É COUSA VIL PARA TI, NON DIGAMOS XA A PRATA; É MOITO MÁIS O QUE TI BRILLAS POLA TÚA PROPIA FELICIDADE”. E remato así estas breves notas sobre unha herexía moi interesante, que lle ofrecía ás mulleres e aos escravos algo irresistíbel: igualdade e fraternidade.