Prognósticos.

Os prognósticos non auguran nada bo, certamente son malos no comezo deste novo ano. As crises avanzan en todas as frontes e por iso non podemos estar quedos e atados á debilidade que nos caracteriza.

Sabemos que temos unha necesidade de globalizar beneficios do coñecemento e desde ela, saber que nos falla o sistema público e político porque non resolve problemas e parece incapaz de reducir o malgasto ou rebaixar a corrupción.

A súa mala xestión -da clase política- trae desigualdades e fame. Non podemos aceptar que a ciencia e a civilización, mesmo a tecnoloxía, sexan logros sen peso notable para interceptar  abusos. A intelixencia ten que ter peso e ser quen de arredar signos que inmobilizan e entorpecen a xestión de xustiza social e dereitos, o ben común.

Eses signos fanse privativos e céntranse nos mercados e valores, aínda sen se saber integrados nun acordo xeral de ideario básico e común onde reparar os erros ou desastres cometidos, por exemplo o holocausto climático que nos ameaza xa con guetos e que, novamente, amosa a crúa realidade insolidaria e maligna.

Non podemos vivir neste mundo exhausto en loitas continuas, neste repertorio de mala educación e violencia que mesmo nos avergoña na distancia. Debemos regresar ao sentir maioritario, nunha distribución para todos, onde venza o común antes que o espectáculo ou insulto, que non funcionan no efectivo nin no afectivo.

“Volver á axuda, á partición xusta  sen abusos, á intelixencia e entendemento antes que cuantificar economicamente”

Volver á axuda, á partición xusta  sen abusos, á intelixencia e entendemento antes que cuantificar economicamente, sobre todo que a industria non nos confunda. Os límites do porvir son os que hoxe establezan os poderes, volátiles e deixados a intereses pecuniarios. Cómpre un desenvolvemento capaz e sostible, respectuoso co medio e  útil, de servizo nesa cautela que nos permita garantir futuro.

Mestre e músico.