Ponteareas | Coincidindo co 40 aniversario da aparición do xornal A Peneira, en 1984, o Ateneo Amado Garra renderá homenaxe o vindeiro 9 de agosto ao seu cofundador e director, Guillermo Rodríguez Fernández.
A asociación deu a coñecer hoxe o programa de actos que conforman a homenaxe e que comezarán ás 20:30 horas na Sala Multiúsos do Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas, cun acto público no que intervirán o propio Guillermo Rodríguez, o Presidente do Ateneo, Roberto Mera, e diferentes persoas que compartiron a traxectoria xornalística e social do homenaxeado. Ademais, proxectarase un audiovisual no que se repasarán as principais contribucións de Guillermo Rodríguez e do xornal A Peneira a Ponteareas, O Condado e a Galicia. O evento contará tamén con actuacións musicais.
Tras o acto e ás 22:00 horas celebrarase unha cea-cóctel no parque da Feira Vella da localidade. O prezo é 25 euros e as persoas que desexen participar nela deben facer a correspondente reserva no correo ateneoamadogarra@gmail.com ou por whatsapp no teléfono 611540983 e realizar o pagamento na conta bancaria ES88 0081 2314 5500 0136 1739 indicando nome e apelidos. O prazo para facer as reservas remata o mércores 7.
Tras a cea e a partir das doce da noite a festa continuará no primeiro andar do pub JJ Copas de Ponteareas.
O Presidente do Ateneo, animou á veciñanza a participar “neste acto de xustiza cunha persoa comprometida dende hai máis de 60 anos co seu pobo, coa súa comarca e con Galicia, exemplo de perseverancia e entrega a innumerabeis causas sociais e culturais e impulsor e motor dun xornalismo comarcal con vocación transformadora, que xa forma parte da nosa historia xunto con cabeceiras emblemáticas como “El Tea” de Amado Garra”.
Mera salientou que “Guillermo Rodríguez é un exemplo de compromiso e de persoa incombustíbel e incansábel ao longo de máis de seis décadas no traballo por transformar o noso país, unha desas persoas imprescindibeis e un bo e xeneroso que, ao igual que Amado Garra, deixa para a historia de Ponteareas e do Condado un legado xornalístico imprescindíbel para entender o noso pasado máis recente”.