Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, destacou na apertura do “Programa de Compostaxe Doméstico do Concello de Monforte”, que se celebrou no auditorio do edificio multiusos, o éxito de participación no mesmo, logo de que se anotaran 115 persoas, “unha alta participación que dende o Concello agradecemos e que demostra o interese que moitos monfortinos e monfortinas mostran polo medio ambiente”, sinalou o alcalde. O programa conta coa colaboración de Sogama.
Tomé Roca sinalou que “cando concebimos este programa, destináramos para o mesmo, o reparto de 100 composteiros, pero visto o alto número de interesados, decidimos completar ata 115 as unidades a repartir, para que ningunha das persoas inscritas se quedase sen el”. Deste xeito, ós 50 composteiros aportados por Sogama, engádense 65 adquiridos polo propio Concello.
O alcalde explicou que “a pretensión dende o Concello con este programa e este reparto de composteiros é reducir a xeración de residuos dos nosos fogares, posto que a fracción orgánica, é dicir, os restos de comida que se orixina nas nosas vivendas, constitúe case a metade do contido da nosa bolsa do lixo. Se producimos compost, isto tradúcese na redución do lixo que se transporta e deposita nos vertedoiros, e ademais obtemos un abono natural de excelente calidade para as nosas plantas”.
O rexedor engadiu que con esta actuación “aportamos o noso gran de area para entregar a Sogama unha cantidade de lixo inferior, o que se traduce tamén nunha diminución do importe da factura do lixo a pagar a esta empresa pública”.
Compromiso co medio natural
Na súa intervención, o alcalde tamén salientou o alto grado de concienciación do Concello de Monforte co Medio Ambiente, que se exemplifica nas importantes actuacións de mellora postas en marcha nos pasados meses en canto a equipamento de recollida de residuos do municipio. O Concello ven de renovar 297 papeleiras en toda a cidade, instalar 3.880 novos cubos e colectores de lixo e adquirir 10 vehículos e 16 equipos e maquinaria para a limpeza viaria da rúas da cidade.
“Con estas actuacións, superamos os 1,2 millóns de euros que contribúen a mellorar o servizo de limpeza viaria e recollida de lixo que proporcionamos ós nosos veciños e veciñas” subliñou o rexedor monfortino. Ademais, en anteriores campañas, dende o Concello xa foran repartidos 193 composteiros; coas 115 unidades que foron entregadas hoxe son máis 300 composteiros os que se levan distribuído entre os veciños e veciñas de Monforte.
“Con estas actuacións, superamos os 1,2 millóns de euros que contribúen a mellorar o servizo de limpeza viaria e recollida de lixo que proporcionamos ós nosos veciños e veciñas’ subliñou o rexedor monfortino”
Tomé recordou tamén que o Concello dispón, no Parque da Pinguela, de catro composteiros comunitarios que reforzan o traballo que dende a Concellería de Medio Ambiente desenvolvemos a prol da reciclaxe e da redución de residuos.
Tomé Roca rematou agradecendo ós asistentes a súa participación neste Programa e animándoos a “seguir contribuíndo, coas vosas boas prácticas medioambientais, a acadar entre todos unha cidade máis limpa e saudable para todos e todas, e sacándolles o máximo partido ós vosos composteiros”.
Os participantes neste novo programa de compostaxe do Concello disporán tamén dun servizo de asesoría permanente para resolver as dúbidas que lles poidan xurdir en canto ó uso do composteiro. Para recibir máis información, poden contactar co técnico municipal de Medio Ambiente no teléfono 628 115 309.