Pontevedra | O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou este venres as bases do novo programa Provincia Activa que, cun orzamento de 146.000 euros, está destinado a favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de obradoiros formativos.
“Queremos con este programa favorecer a participación e cooperación social, promover espazos de encontro e intercambio de experiencias e fomentar a independencia das persoas maiores”, asegurou o presidente da Deputación Luis López. As entidades interesadas en beneficiarse de Programa Activa poderán solicitalo entre o 29 de xaneiro e o 26 de febreiro.
A través de Provincia Activa ofreceranse un total de 130 obradoiros. Cada un deles estará dirixido, tal e como informou López, a un máximo de 25 persoas e cada entidade solicitante poderá pedir un obradoiro entre os ofertados que, á súa vez, estarán enmarcados en seis temáticas: “Benestar natural”, “Saúde en movemento”, “Emociónate”, “Outra vida”, “Con Ritmo” e “Redeir@s”.
En “Benestar natural” inclúese un obradoiro sobre plantas medicinais e en “Saúde en movemento” actividades de pilates, ioga e ximnasia de mantemento. Pola súa banda “Emociónate”, centrada na saúde mental, abrangue obradoiros de memoria, musicoterapia ou risoterapia e “Outra vida” talleres relacionadas co teatro ou a restauración de mobles.
Ademais, a través de “Con Ritmo”, a quinta das temáticas, ofertaranse cursos de bailes de salón, pandeireta e canto popular e, finalmente, con “Redeir@s” achegarase formación centrada en dotar ás persoas maiores de habilidades dixitais e coñecementos avanzados en informática.
Novo servizo de esterilización para felinos
A Deputación de Pontevedra ofrece a partir deste ano aos 46 concellos de menos de 20.000 habitantes adheridos ao CAAN (Centro de Acollida e Protección Animal de Armenteira) o servizo de esterilización de gatos procedentes de colonias felinas legalmente establecidas. O presidente da institución provincial, Luis López, informou en rolda de prensa que se remitirá unha carta aos alcaldes e alcaldesas informándolles deste novo servizo e do procedemento a seguir para poder solicitalo.
Ata o de agora, tal e como explicou o presidente provincial, a Deputación de Pontevedra, a través do CAAN, ofrecía colaboración aos concellos en canto á redacción dos plans de xestión de colonias felinas. Con este novo servizo, a Deputación amplía as prestacións apoiando aos gobernos locais para dar cumprimento á Lei que determina que están obrigados a xestionar as colonias felinas, identificando, esterilizando, vacinando e desparasitando os animais que as integran.
“Os recursos económicos e humanos dos concellos- asegurou Luis López- , sobre todo dos pequenos, son os que son, cada vez máis limitados. Por iso o noso obxectivo é axudalos, neste caso ademais, para que poidan dar cumprimento a un imperativo legal”. Deste xeito, os concellos interesados deberán achegar a solicitude de esterilización de gatos recollidos nas colonias felinas, así como unha memoria na que se especifique, entre outras cuestións, o número de colonias no seu termo municipal e os animais presentes en cada unha delas.
A colaboración da Deputación será prestada a través dos servizos veterinarios do CAAN. O concello deberá contactar co centro indicando o número de gatos que desexa esterilizar. Por razóns de operatividade, será 10 o número máximo de felinos que poderán ser recollidos por día e as solicitudes atenderanse por estrito orde de entrada. A recollida dos animais, por parte dos concellos, deberá realizarse no prazo máximo de 36 horas dende a súa chegada ao CAAN e, xunto aos animais, entregaráselles un certificado de esterilización no que se indicarán as intervencións realizadas, os coidados e tratamentos a ter en conta.
Este novo servizo que ofrece a Deputación a través do CAAN enmárcase no novo contrato adxudicado a Tragsa e a través do cal a institución provincial investirá 1,4 millóns de euros ata finais do 2025. O novo contrato contempla a retirada de cans, a xestión da entrega de animais e a esterilización de gatos das colonias felinas dos concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes. Ademais inclúe a realización de tarefas de mantemento e coidado dos animais recollidos, así como a súa identificación, revisión, tratamento sanitario, esterilizacións, asistencia veterinaria e xestión de adopcións de animais declarados abandonados. A través do CAAN tamén se deseñan e desenvolven campañas de adopción, fórmase a técnicos e autoridades municipais, inícianse e dáselle seguimento aos expedientes de protección animal e en materia de animais potencialmente perigosos, realízanse estudos e informes e colabórase en investigacións sobre saúde e benestar animal.