Salceda de Caselas | A alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, de Salvaterra, Marta Valcárcel, e o alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, acompañados das respectivas Concelleiras de Igualdade, mantiveron unha reunión de coordinación no arranque da segunda edición do Programa Xuntas, dirixido ás mulleres de Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e As Neves en materia de formación, información, prevención e orientación e asesoramento xurídico, laboral e psicolóxico individualizado.
O Programa Xuntas, que obtivo a mellor puntuación de todos os proxectos presentados na provincia de Pontevedra e a segunda mellor de Galicia, xestiónase mediante o sistema de xestión compartida e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e a Xunta de Galicia.
Así, actívase un ano mais o Servizo Integral e Especializado de Asesoramento Xurídico, Psicolóxico e Laboral. Gratuíto, presencial e á demanda, aínda que se establecerán unhas horas fixas todos os mércores pola mañá, o Servizo tamén elaborará os itinerarios personalizados de inserción. Ademais, haberá un Punto de Información de Hábitos Saudables para as Mulleres e asesoramento para unha Despensa Saudable.
Haberá unha fase de intervención en saúde e benestar na que se impartirán obradoiros nos 3 concellos para mellorar a saúde e o benestar de todas as mulleres e promover a igualdade de xénero, especialmente no eido social e da saúde con 5 obradoiros: “Exercicio terapéutico e saúde”, “O equilibrio a través da alimentación”, “Autoestima e benestar das mulleres” , “A saúde sexual e reprodutiva das mulleres” e “Taller de saúde mental dende a perspectiva de xénero”.
Noutra fase, desenvolverase a Escola de Empoderamento, para impulsar a formación das participantes nun espazo de reflexión e debate sobre as aportacións das mulleres á sociedade, analizando as causas que sustentan as desigualdades e plantexando novas miradas. Os obradoiros serán: “Por que foron somos, por que somos, serán”, “Mulleres Rurais, corazón do sistema: máis dereitos, mais participación, máis recursos para todas”, “Conversatorio sobre a violencia de xénero: claves para a análise construíndo respostas colectivas”, “O empoderamento dixital dende unha perspectiva de xénero”, “Convivencia e aprendizaxe transxeneracional das mulleres” e “As artes no camiño do empoderamento das mulleres”
Finalmente, o Programa Xuntas complétase con formacións para o traballo a través de obradoiros como: “Explorando novos xacementos de emprego”, “Obradoiro de capacitación para o acceso ao emprego, procesos de selección, habilidades de comunicación e construción definitiva do perfil e o CV.” e o “Obradoiro de Autoemprego e emprendemento das mulleres” así como visitas a empresas.
O Programa, que conta cunha contía de 17.941,88 euros, prevé unha participación mínima de 75 mulleres. Ademáis de toda a información que se ofrecerá nas dependencias municipais, nas RRSS e en cartaces do Programa, está habilitado o teléfono e WhatsApp 685211882.
Os tres Concellos quixeron poñer en valor unha colaboración institucional exemplar que permite ofertar mais e mellores servizos e optimizar recursos, o que repercute directamente na calidade das políticas públicas, dando ademais un exemplo de transparencia e boa xestión ao conxunto da cidadanía, especialmente na área de intervención do Programa Xuntas, que conta con 23.205 habitantes.