Mondariz | O Concello de Mondariz comezou o mes de abril recuperando a memoria de José Gil, un pioneiro do cinema galego que se iniciou profesionalmente na localidade a principios do século XX. Con todo, este mes do libro, o cinema compleméntase con teatro e outras actividades socioculturais.
O ciclo de cinema de abril, que incluíu a principios de mes a proxección de filmes do proxecto “José Gil. Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema” e a proxección do filme de animación “Los mundos de Coraline”, continúa o 22 de abril, en véspera do Día Internacional do Libro, coa película “El editor de libros”.
Durante este mes, a concellería de Cultura e Igualdade de Mondariz ten programados tres espectáculos teatrais no auditorio municipal: “A volta ás provincias das misións pedagóxicas” o día 15, “Running” o día 21 e “Un home con lentes de pasta” o día 30. A éstes súmase o contacontos teatralizado “Pepiña Maruxiña quere voar”, financiado polo programa Ler Conta Moito e previsto para o 23 de abril ás 19:00 horas, nos Xardíns do Concello ou na Biblioteca Municipal en caso de choiva.
“A volta ás provincias das misións pedagóxicas” (15 de abril, 21:00 horas) é unha obra da compañía galega Polo Correo do Vento que forma parte do programa O Pasado por Vir, da Deputación de Pontevedra. Recupera a memoria das chamadas misións pedagóxicas, que en tempos da Segunda República levaron libros, teatro e cultura polas distintas aldeas de Galicia. Esta actividade estará complementada o mesmo venres 14, data emblemática na nosa historia, cun obradoiro de ilustración titulado “A memoria histórica en viñetas” que terá lugar na Biblioteca Municipal ás 18:00 horas.
Tanto “Running” como “Un home con lentes de pasta” son representacións teatrais financiadas a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. “Running” (21 de abril, 21:00 horas) é unha comedia da compañía De Ste Xeito que cuestiona desde o humor a denominada crise dos 40. “Un home con lentes de pasta” (30 de abril, 21:30 horas), producida por Redrum Teatro, tamén se presenta como comedia e afonda nas crises existenciais que todos e todas vivimos nalgún momento.
Alén destes espectáculos teatrais, as participantes do Club de Lectura de Mondariz tamén teñen preparada unha actuación para amenizar a presentación da nova novela negra de Begoña Gil, “Los deseos oscuros. Segundo caso de Lila Madrigal”, prevista para o venres 28 de abril, ás 21:30 horas, no auditorio municipal de Mondariz.
Na programación de actividades socioculturais do Concello de Mondariz para o mes de abril tamén destaca a inauguración dunha exposición de pintura de Arcilia Pérez Melón titulada “Pintando a vida de cores”. A propia autora, pintora de formación autodidacta e veciña de Mondariz, realizará unha visita guiada polas súas obras o día 23 de abril, ás 12:00 horas, na Casa do Concello.
Ese mesmo domingo 23, a partir das 20:00 horas, a Escola Municipal de Música de Mondariz organiza un festival de música solidario, en apoio das familias da Ucraína que residen en Mondariz. Actuarán o coro Añoranzas da Escola Municipal de Música de Mondariz e o coro da Asociación de Maiores de Mondariz, entre outros colectivos.