Monforte de Lemos | Monforte e a Ribeira Sacra están xa sendo promocionados nas rutas de transporte de viaxeiros que a empresa monfortina Autocares Sánchez leva a cabo por España e por diferentes países de Europa.
O alcalde, José Tomé Roca, destaca que “esta colaboración con Autocares Sánchez, que anunciamos a principios do mes de xuño, permite que xa estamos difundindo nestes momentos a imaxe de Monforte e da Ribeira Sacra a través de dúas rutas do servizo regular de viaxeiros que leva a cabo esta empresa, e que transcorren por Portugal, Francia, Bélxica, Alemaña e Suíza, ademais de por España”.
Deste xeito, colocouse un chamativo deseño publicitario na parte traseira nos autobuses da empresa que inclúe imaxes dalgúns das localizacións máis relevantes do Concello, como son o Miradoiro do Duque, o Parador Nacional e Conxunto monumental de San Vicente, Nosa Señora da Antiga (o chamado “Escorial Galego”), a Ponte Medieval e o Museo de Arte Sacro das Nais Clarisas.
“O lema desta campaña promocional é ‘Monforte de Lemos, Capital da Ribeira Sacra. Ven a visitarnos…te esperamos!”
“O lema desta campaña promocional é “Monforte de Lemos, Capital da Ribeira Sacra. Ven a visitarnos…te esperamos!”, xa que o noso obxectivo é animar a todos aqueles que visualicen o deseño a que descubran e visiten a nosa cidade e o noso entorno, no que destaca a oferta paisaxística, cultural, gastronómica e monumental”, subliñou Tomé Roca.
España e Centroeuropa
A rotulación dos autobuses levouse a cabo neste mes de xuño, e os vehículos comezaron a circular co deseño promocional durante este mes de xullo, e o seguirán facendo durante o mes de agosto e ata principios do mes de setembro deste ano 2021. En concreto, a imaxe promocional da Monforte está presente en dúas rutas internacionais de transporte regular de viaxeiros que cubre esta empresa de autocares monfortina.
Dunha banda, a ruta Málaga, Granada, Madrid, Burgos, San Sebastián, París, Bruxelas e Dortmund (Alemaña), sendo Málaga e Dortmund as cidades de saída e chegada da ruta.
E doutra, a que transcorre dende Lisboa, Salamanca, Burgos, San Sebastián, Burdeos, Lyon e Zúrich (Suíza), tamén con saída e chegada en Lisboa e Zúrich.
“A frecuencia, en ambas rutas, é de 3 viaxes por semana, polo que a difusión publicitaria de Monforte e a Ribeira Sacra vai ser constante ó longo de todo o verán”, subliñou o rexedor municipal.
Esta campaña forma parte das accións promocionais que o Concello de Monforte desenvolve para dar a coñecer o atractivo turístico da cidade e da Ribeira Sacra.