Unha Galicia democrática, solidaria e moderna require do fondo respecto á diversidade. Diversidade non só sexual, cultural ou ideolóxica, senón orgánica e funcional. Require, xa que logo, entre outras moitas esixencias neste eido, dunhas cidades, vilas e entornos habitacionais accesíbeis para todas as persoas con discapacidade motora, visual ou auditiva. Porque a comunidade internacional ten lexislado para estas persoas dous princípios fundamentais: i) o da autonomia persoal e ii) o da acessibilidade universal. Unha Galicia democrática, solidaria e moderna e os seus concellos han levar estes dous princípios á estrutura da súa lexislación positiva e das súas políticas.
“Velaí a esixibilidade duns transportes públicos que garantan o acceso e uso das persoas con mobilidade ou visibilidade reducidas ou hipoacusia”
Velaí a esixibilidade duns transportes públicos que garantan o acceso e uso das persoas con mobilidade ou visibilidade reducidas ou hipoacusia. O que quere dicir, en puro galego, que accedan doadamente as cadeiras de rodas ou persoas bipedestantes con mobilidade reducida e que os transportistas anuncien a xeito cadansúa parada con sinais visuais e acústicos.
Os edifícios que acollan calquera servizo público e máis as áreas comerciais e de lecer e oficinas de toda caste han ser accesíbeis para estas persoas (accesibilidade que, en liñas xerais, constitúe arestora nesta Galicia nosa un nidio fracaso), quer dende a cadeira de rodas e a bipedestación reducida, quer dende a accesibilidade a medio do vehículo privado, quer artellando a acaída dispoñibilidade de aparcadoiros para persoas con discapacidade motora moi achegados a esa caste de edifícios e áreas.
Mais compre tamén lembrar que moitas persoas con discapacidade, no lexítimo e prevalente dereito á súa autonomia persoal adoitan usar moitas veces o vehículo privado. Deste xeito, esa liberdade no acceso do transporte público ás zonas peonís, precisamente no beneficio prioritario de moitas destas persoas, habería combinarse coa accesibilidade ás mesmas zonas do transporte privado guiado por persoas de mobilidade reducida. Accesibilidade que arestora, por exemplo, en Compostela, A Coruña, Ourense e outras varias cidades e vilas galegas non está garantida. Estas políticas requiren, si, dun importante esforzo orzamentario. Mais, nomeadamente, requiren da empatía da veciñanza e da proactividade do colectivo de empregados públicos municipais e autonómicos adscritos á mobilidade, seguridade pública e servizos sociais.