O pasado 14 de febreiro o Pleno do Congreso dos Deputados aprobaba, por 168 votos a favor, 118 en contra (os do PSOE) e 53 abstencións, iniciar a tramitación da Proposición de Lei sobre concesión de nacionalidade española aos saharauís nados baixo a soberanía española.
O texto, presentado polo Grupo Parlamentario Confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común, propón a concesión da nacionalidade española por carta de natureza aos e as saharauís nados no territorio do Sahara Occidental baixo a soberanía de España, antes do 26 de febreiro de 1976, establecendo medios probatorios e o procedemento para obter a nacionalidade e busca recoñecer así “a profunda vinculación do Sahara Occidental con España.
A proposta presentada será remitida á comisión competente e abrirase o prazo de presentación de emendas. En caso de presentarse emendas á totalidade, o texto deberá superar o debate de totalidade ante o Pleno. Posteriormente, a iniciativa continuaría no seu caso a súa tramitación en relatorio e comisión, antes da súa remisión ao Senado.
Hai varias cousas no texto que me preocupan. A primeira é que a proposta só afecta as persoas nadas antes do 26 de febreiro de 1976. Isto pode dar lugar a engano, xa que España segue sendo a potencia administradora de iure do Sahara Occidental, por tanto a súa responsabilidade non caducou o 26 de febreiro de 1976.
É comprensible que unha parte da poboación saharauí se alegre e ven nesta proposta unha solución rápida aos problemas de emigración e de legalización dos “sen papeis”.
Con todo, a maioría das persoas nadas antes de 1976 xa teñen documentos, polo que esta proposta cubrirá en realidade a moi poucas persoas, se é que chega a poñerse en práctica. España terá necesariamente eleccións como moi tarde en decembro, e para entón, previsiblemente, esta proposta quedará en suspenso e esquecida nun caixón.
O Estado Español abandonou, traizoou e xamais asumiu a súa responsabilidade co Pobo saharauí, con esta proposta bríndaselle unha oportunidade de ouro a España de pretender dar por pechada unha descolonización que nunca existiu.
De feito, o que sería innovador e correcto sería que o Estado español recoñecese a nacionalidade saharauí, o Estado saharauí e os documentos oficiais dese Estado, e que non esixise visado aos saharauís para entrar en España. “Cando os españois ocuparon o Sahara Occidental, ninguén lles pediu visado”.
España ten a obrigación de resolver este conflito liderarando proceso de descolonización na ONU, a Comisión de Descolonización da ONU aínda considera o Sahara Occidental territorio pendente de descolonizar e España a súa potencia colonizadora. Liderar este proceso con firmeza levaría a un referendo onde os saharauís decidisen o seu futuro con todas as garantías.
Non é de xustiza obrigar aos saharauís, aínda que sexa a unha pequena parte deles, a ter unha nacionalidade distinta da súa.
En definitiva, isto podería facilitar a vida a algunhas persoas, pero non a moitas, e sería máis administrativa que política. Non vexo nesta proposta un gran impacto político nin un cambio na vergoñosa posición do estado español con respecto ao Sahara Occidental.