Tui | Seguindo co mandato da lexislación específica rexional e estatal, incluído o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e no marco do Programa Maruxa Mallo, financiado pola Deputación de Pontevedra, o Concello de Tui segue apostando pola formación en igualdade.
Neste caso foi dirixida aos compoñentes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui, e impartida por Laura Seara, avogada, exdeputada e exsecretaria de Estado.
Foron en total oito horas de formación en igualdade e tamén en materia de violencia de xénero, que contribúen a mellorar tamén a coordinación, reforzando a resposta institucional.
A instrución en materia de igualdade, ademais de como unha ferramenta de coñecemento, afonda nunha maior efectividade nas medidas, programas e accións que se realizan dende as políticas locais, tratando de optimizar os recursos xa existentes, tanto económicos como materiais e humanos.
A concelleira de Igualdade, Ana María Núñez, participou nesta xornada formativa destacando a importancia “da efectividade de medidas e actuacións en materia de igualdade e violencia de xénero, que se consigue tamén a través da formación”.