Protección ou control de datos?

Lembro que lin a novela 1984 de Orwell hai moitos anos. Ese libro é unha desacougante interpretación futurista da opresión do poder estatal, situada en 1984 nunha sociedade dominada por un sistema totalitario controlada polo Gran Irmán. Londres, 1984: Winston Smith decide rebelarse ante un goberno totalitario que controla cada un dos movementos dos seus cidadáns e castiga mesmo a aqueles que delinquen co pensamento. Consciente das terribles consecuencias que pode carrexar a disidencia, Winston únese á ambigua Irmandade por mediación do líder O’Brien. Paulatinamente, con todo, o noso protagonista vai comprendendo que nin a Irmandade nin O’Brien son o que aparentan, e que a rebelión, ao cabo, quizais sexa un obxectivo inalcanzábel.

E vén a conto esta breve explicación da trama dese magnifico libro de Orwell porque opino que a tendencia actual apunta a un mundo ateigado de cámaras de seguridade, a unha xeralización do rastrexo e fichaxe de tendencias ideolóxicas por medio das web que pode visitar a cidadanía, a localización da posición de cada individuo ao utilizar un teléfono móbil, o rastrexo do uso de tarxetas de crédito e xa ultimamente mesmo ao control de preferencias e gustos por medio de facebook ou twitter.

O control da información relativa á cidadanía por medio do tratamento informático é preocupante. O 4 de agosto do ano pasado, o deputado Miguel Anxo Fernán-Vello (Grupo Parlamentar de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea) formulou unha pregunta ao goberno, para a que demandaba resposta por escrito, relativa ás garantías e protección dos dereitos das persoas en relación á web do Ministerio do Interior Stop Radicalismos. Lembraba o deputado que desde 2015 ESCULCA (Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades) formulou diferentes peticións de información que tropezaron sempre coa opacidade das institucións públicas.

En decembro de 2015, o devandito observatorio formulou petición de acceso á información ao abrigo do art. 17 da Lei 19/2013 de 9 de decembro, de Transparencia, Bo Goberno e Acceso á Información verbo de determinados aspectos do mecanismo para recoller denuncias anónimas por medio da páxina stop-radicalismo@interior.es, mais tamén a través do teléfono 900.822.066, do correo electrónico stop-radicalismo@interior.es e da aplicación “alertcops”.
En concreto, ESCULCA demandaba información sobre medios de acceso, rectificación e cancelación das persoas interesadas en relación cos datos persoais dos que foren titulares incorporados ao devandito ficheiro; cesións previstas dos citados datos, transferencias previstas e destinatarios das cesións e transferencias; garantías estabelecidas nos sistemas creados para evitar a comunicación de datos e denuncias falsas tendo en conta o carácter anónimo da denuncia e o período de conservación dos devanditos datos.

Aínda por riba o actual goberno aprobou unha nova lei denominada Lei de Protección de Datos e Garantías de Dereitos Dixitais que modifica, entre outras, a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREX) posibilitando aos partidos prácticas consideradas ilegais para o resto de colectivos. De acordo con esta lei e tendo en conta as modificacións derivadas da mesma non terán consideración de actividade ou comunicación comercial nin o envío de propaganda electoral por medios electrónicos ou sistemas de mensaxeiría nin a contratación de propaganda electoral en redes sociais ou medios equivalentes.

Paréceme realmente alarmante esta noticia aparecida en numerosos medios de comunicación sobre a modificación da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREX) por medio da Lei Orgánica de Protección de Datos e Garantía dos Dereitos Dixitais e por iso acho conveniente lembrar que a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) manifestou recentemente que o mencionado texto legal non permite o tratamento de datos persoais para a elaboración de perfís baseados en opinións políticas. Tampouco permite o envío de información personalizada baseada en perfís ideolóxicos ou políticos. Debería quedar claro que só permite, conforme ao Considerando 56 do Regulamento Europeo de Protección de Datos, a recompilación, por parte dos partidos políticos, de datos persoais relativos a opinións políticas para obter información que lles permita pulsar as inquedanzas dos cidadáns co fin de poder darlles resposta nas súas propostas electorais. Esta interpretación fundaméntase na supresión do termo “tratamento” recollido na emenda 331 inicialmente presentada no Congreso. Este criterio baséase, asemade, na supresión do apartado 2 de devandita emenda, que permitía a difusión de propaganda electoral baseada en perfís ideolóxicos con determinadas garantías. O texto permite o envío de propaganda electoral sen que o seu contido poida basearse nos perfís antes citados, identificando en calquera caso a súa natureza electoral e garantindo o exercicio, simple e de balde, do dereito de oposición.

No futuro deberemos estar moi atentos ao desenvolvemento regulamentario desta nova Lei e vixiar se respecta todas as garantías estabelecidas no Regulamento Europeo de Protección de Datos.

Óscar Lomba é avogado e político galego. Licenciado en Dereito económico e diplomado en Maxisterio. Colabora habitualmente en diversos medios de prensa escrita. Membro de ESCULCA. Foi asesor xurídico da Plataforma de Afectados pola Hipoteca. Membro de ProLingua. Foi presidente e voceiro de SOS PXOM.