Ourense | A Deputación de Ourense avanza na Cámara Municipal de Terras de Bouro (Portugal) as liñas estratéxicas do proxecto RAIA SECA (Gobernanza Transfronteiriza da Fronteira Interior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal), unha iniciativa que promove a cooperación na raia para resolver as trabas xurídicas que se atopan no seu día a día os cidadáns de fronteira. Este proxecto promove igualmente a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) na Raia Seca e a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés.
Dende o goberno provincial reivindícanse as oportunidades de desenvolvemento territorial que ofrecen as sinerxias entre las localidades da raia, en asuntos de gran relevancia para o cidadán como a mellora da xestión administrativa e xurídica. “Unha gobernanza máis eficiente neste territorio permitiranos responder con éxito aos desafíos da raia, para que o potencial de desenvolvemento deste territorio siga medrando e teñamos por fin nunha Europa sen fronteiras”, sinala Rosendo Fernández, deputado de Representación Institucional, que acudiu ao encontro con autoridades portuguesas celebrado en Terras de Bouro.
Na reunión de traballo abordáronse as actuacións do proxecto transfronteirizo, no que están integrados os concellos ourensáns de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobios, Lobeira, Baltar, Padrenda, Verea, Quintela de Leirado, Muíños, Cualedro, Oímbra e Monterrei.
Pola súa banda, Portugal está representada polos municipios de Montalegre, Terras de Bouro, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez e Melgaço, así como as comunidades intermunicipais do Alto Minho, Cávado e Alto Tâmega.
“Dende a Deputación de Ourense queremos mellorar a eficiencia das administracións locais, promovendo unha cooperación xurídica nesta fronteira interior que comparte natureza, cultura e capital humano”, subliñou Rosendo Fernández no encontro de traballo.
Entre os desafíos programados, o proxecto RAIA SECA busca mellorar a conectividade e a demografía, así como atopar unha solución para as trabas que xera no cidadán a distancia entre o territorio e os centros de decisión. Ademais, a Deputación de Ourense pon o foco nos desafíos asociados ás áreas naturais protexidas, xa que grande parte destes territorios forman parte dunha Reserva de Biosfera Transfronteiriza. “É vital aumentar o nivel de xestión conxunta dos recursos de elevado valor natural, como é o caso do Gerés-Xurés”, engade Fernández.
Un compromiso inversor de 121.250 euros
O Comité de Xestión do Programa de Cooperación Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027, na súa reunión do 6 de xuño de 2023, acordou a concesión de unha axuda FEDER de 260.792,71 euros, dun orzamento total de 347.723,62€ ó proxecto RAIA SECA GERES-XURÉS: Gobernanza Transfronteiriza da Fronteira Interior da Eurorrexión Galicia, do cal a Deputación de Ourense é socio, cu orzamento total de 121.250 euros. Outros socios deste proxecto son por parte ourensá, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE), e por parte portuguesa, a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM CÁVADO) e a Comunidade Intermunicipal do Alto Tâmega e Barroso (CIMAT).