Ourense | A Deputación de Ourense acolleu a reunión de lanzamento do proxecto de Comunidade Enerxética Transfronteiriza para a transición cara a autonomía e a sustentabilidade enerxética das localidades da Raia (Comenerg) na que participaron os socios do mesmo.
A Deputación captou a través deste proxecto un millón de euros de financiamento europeo para levar a cabo un proxecto a través do cal artellar esta comunidade enerxética e avanzar cara a independencia enerxética das localidades da Raia.
O proxecto pretende fomentar a produción e o uso de fontes de enerxía sostibles en rexións galegas e portuguesas, a través dun investimento total de 2.002.015,81 euros, dos cales a Deputación ourensá é o beneficiario principal do proxecto ao corresponderlle o desenvolvemento da maior parte deste orzamento (1.007.970 euros).
O obxectivo é facilitar a xeración e o uso de enerxías con alto potencial na zona de actuación (eólica, fotovoltaica e xeotérmica) con accións que estean encamiñadas á determinación dos requisitos e posibilidades a nivel legal, técnico e tecnolóxico, así como establecer as directrices para que as entidades locais poidan implantalas nas súas respectivas instalacións municipais.
Os demais socios do proxecto, por parte portuguesa son: a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM Alto Minho), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, a Agência Regional de Energia e Ambiente do Alto Minho (AREA Alto Minho); e pola parte galega, o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e a Universidade de Vigo (Campus de Ourense).
Tres experiencias piloto en enerxía fotovoltaica
Entre as actuacións que se levarán a cabo no marco deste proxecto contémplase a posta en marcha de tres experiencias piloto de comunidades enerxéticas con infraestruturas de xeración de enerxía fotovoltaica. Estas comunidades enerxéticas permiten ás persoas que se asocien ser produtores de enerxías de fontes renovables e, grazas á instalación de sistemas de autoconsumo, poder xestionala e consumila. Estas experiencias levaranse a cabo en dous concellos da provincia de Ourense, Muíños e A Gudiña e outra en Portugal.
A creación destas comunidades enerxéticas locais suporá unha mellora da calidade de vida da poboación local, permitirá reducir a dependencia dos grandes produtores enerxéticos e acadar unha futura autonomía enerxética. Ademais, aseguran un acceso xusto a fontes de enerxía renovables, reducindo os custos enerxéticos das familias e as entidades para avanzar na loita contra a pobreza enerxética, problemática de gran relevancia na situación actual.
A implantación das experiencias piloto de comunidades enerxéticas, o estudo e a divulgación dos resultados das mesmas, co apoio dunha oficina transfronteiriza de asesoramento especializado na materia, favorecerá a creación de novas comunidades enerxéticas a ambos lados da fronteira.
O estudo doutras fontes de enerxías renovables de carácter endóxeno, a súa viabilidade e aplicación en comunidades locais tamén favorecerá a posta en marcha de experiencias de produción de autoconsumo, a partir de novas fontes tamén de carácter local.
O proxecto COMENERG está cofinanciado ó 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG VI A España-Portugal (Poctep) 2021-2027.