OURENSE | A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense participa no Proxecto de Mobilidade Transnacional Xuvenil (Galeuropa) para reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais dos mozos non ocupados e non integrados nos sistemas de educación ou formación, ou recén titulados. Deste xeito, quere contribuír á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional, ao tempo que potencia as competencias en idiomas estranxeiros. O lugar elixido pola Concellería é o Reino Unido.
A prioridade da Concellería de Xuventude é a de apoiar a formación da mocidade mediante a mellora dos seus recursos para incorporarse ao mercado de traballo, favorecendo a adquisición de novos coñecementos, habilidades, capacidades e cualificación de xeito que poidan constatar unha práctica formativa no estranxeiro como parte do currículo vital. Co programa téntase dotar a comunidade de profesionais de coñecementos máis xerais, e non só das habilidades propias da súa titulación: perséguese que coñezan o funcionamento do mundo empresarial internacional e, á súa vez, o dominio de idiomas estranxeiros, neste caso o inglés.
Galeuropa persegue dous obxectivos principais: por un lado, preténdese que os mozos e mozas galegas alcancen e asimilen unha visión que contribuirá á mellora da súa vida persoal e profesional, pero tamén quere dotar o tecido empresarial galego de recursos humanos de calidade.
Apertura de convocatoria e trámites
Os requisitos para formar parte deste programa é estaren inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil do Ministerio de Empleo e ser menor de 25 anos (ou de 30 no caso de padecer un grao de discapacidade do 33% ou superior). Nos vindeiros días abrirase o prazo de inscrición para a selección dos candidatos respectando as bases da convocatoria e seguindo os principios de transparencia e equidade.
A Concellería de Xuventude realizará un curso de apoio lingüistico en inglés para as persoas seleccionadas, entre as que se reservará unha praza para participantes con diversidade funcional. Igualmente, ocuparase de xestionar a viaxe, aloxamento en réxime de pensión completa e traslado de ida e volta dos participantes, así como calquera imprevisto que poida acontencer.
Para iso, o departamento que dirixe Sofía Godoy poderá contratar unha persoa co obxecto de buscar socios, apoio técnico, supervisión e seguimento dos participantes e das actividades de mobilidade, realizadas no país de destino.
Máis información e trámites, en xuventude@ourense.es ou no teléfono 988 388 154.