Xinzo de Limia | O presidente da Deputación, Luís Menor, asistiu á visita institucional organizada pola Sociedad mercantil Estatal de Infraestructuras Agrarias, S.A. (Seiasa) e que estivo presidida pola secretaria de Estado de Agricultura, María Begoña García Bernal; e que contou coa presenza da conselleira de Medio Rural, María José Gómez.
Luís Menor lembrou a reunión do pasado catro de xullo onde a Xunta, a Deputación e os regantes da Limia “deixamos claro que o proxecto da modernización do regadío da Limia é un proxecto estratéxico no ámbito rural para Galicia e sobre todo para a provincia de Ourense, e hoxe é un día histórico porque por fin vemos que as obras están en marcha para o seu remate en 2025”.
Trátase dunha obra que, con todos os custes, aproxímase aos 50 millóns, investimento moi importante onde están implicados o Goberno Central e a Xunta, e onde colabora a Deputación para aportar os recursos necesarios para culminala, o que dará lugar a 4.000 hectáreas de regadío nunha comarca senlleira e eminentemente agrícola.
“Como non podemos poñer en perigo ese proxecto, garantizamos que a Xunta e a Deputación asumirán eses costes do IVE -que no caso da institución provincial serán catro millóns de euros) se finalmente o Goberno Central non os asume. Damos total seguridade a que este proxecto será unha realidade. Ese é o compromiso que adquirimos no mes de xullo e que por suposto mantemos con firmeza”, proclamou Menor, lembrando que “o compromiso de Alfonso Rueda e da Xunta de Galicia é claro e notorio, proba delo son as inversións que levan feitas: case 7 millóns de euros para poñer en funcionamento 40 pozos de regadío, imprescindible para acometer a modernización do regadío da Limia”.