Ourense | Celebrouse en Ourense a 6º etapa do proxecto Galicia Camiño Emprendedor co que emprendedores galegos están a percorrer tramos do Camiño da man da Xunta e a Fundación Ronsel para impulsar o talento e o emprego; baixo o lema escollido para esta nova edición do programa, 12 etapas, 12 retos.
A etapa de hoxe, polo Camiño Mozárabe ou Vía da Plata, que discorreu por terras de Xinzo de Limia, Allariz e San Cibrao das Viñas (Ponte Noalla) baixo o reto da Viabilidade do emprendemento no rural, pretende apoiar ás persoas que teñen en mente iniciar un proxecto empresarial mediante un proceso de mentoring a través da realización das etapas do Camiño de Santiago.
Os retos que se propoñen acadar nesta ocasión están en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Na etapa de hoxe desenvolveuse o enunciado: o emprendemento como modelo de integración e xerador de igualdade de oportunidades.
A próxima etapa, a do mes de xullo, desenvolverase polo Camiño de Fisterra e Muxía entre os días 13 e 14 de xullo polo Santuario da Virxe da Barca (Muxía), Lires e Fisterra baixo o lema a transformación dixital como ferramenta da mellora laboral e profesional das persoas.
O programa rematará en decembro en Santiago de Compostela, coincidindo coa capitalidade da economía social que este ano ostenta a cidade galega.
O proceso de mentoring é a clave deste programa, en palabras Gabriel Alén, delegado da Xunta, co fin de intercambiar experiencias profesionais e vitais que contribúan a facer do emprendemento “unha forza impulsora en Galicia”. A iniciativa desenvólvese desde o ano 2017 e conxuga a cultura galega co propósito de dinamizar o emprego en Galicia. Na foto os camiñantes por Allariz.