Ourense | O PSdeG-PSOE denuncia que a Deputación de Ourense está a “ocultar e borrar” as gravacións das cámaras de seguridade dos patios onde permanecen estacionados os coches oficiais da institución que, sen embargo, “Manuel Baltar usa arbitrariamente para asuntos persoais”, tal e como quedou demostrado nas últimas semanas, e que son “cazados reiteradamente infrinxindo a lexislación” sobre seguridade viaria. “As probas xa son tan evidentes que Baltar foi pillado a velocidades estratosféricas dúas veces en menos dunha hora”, recordan.
“Levamos semanas agardando polas gravacións da penúltima fin de semana de abril de 2023 e as do mes de setembro de 2021, datas clave nas que sabemos que Manuel Baltar foi cazado ata en tres ocasións incumprindo a lei co coche oficial” pero o goberno do PP que presume de ser o máis transparente do mundo “cala e destrúe as gravacións das ilegalidades do seu suposto líder”, denuncian os e as socialistas.
“Xa incumpriron o prazo para facilitar estas gravacións ante as solicitudes formais do PSOE pero, ademais, sabemos que unhas foron borradas e outras ocultaranas amparándose na normativa de protección de datos de carácter persoal”, denuncian.
“Qué tratan de ocultar Manuel Baltar e os seus palmeiros negándonos as gravacións das cámaras de seguridade con escusas insostibles a uns vídeos tan supostamente inocuos, se todas as súas viaxes eran oficiais, tal e como asegurou o propio presidente, sen embargo, sen chegar a amosar proba algunha disto? pregúntanse desde o PSOE antes de resaltar que “Baltar non debería ter nada que temer do qué ou de quen apareza neses vídeos”.
“Nos últimos días comprobamos que é un mentiroso compulsivo porque o delito que cometeu a 215 qm/h poñendo en risco a vida doutras persoas; non foi un ‘despiste puntual’, tal e como dixera, polo que estas gravacións adquiren agora maior importancia, xa que permitirán evidenciar máis mentiras e manipulacións”, aseguran tras advertir que “nos próximos días seguramente coñeceremos máis detalles escabrosos do carrusel de supostos delitos e ilegalidades cometidos por Baltar con coches públicos da Deputación para fins privados”.
Para o PSdeG-PSOE, o visionado desas cámaras permitiría “clarexar” moitas cuestións que “están no aire” como a identidade dos condutores ou condutoras dos vehículos oficiais sancionados polas autoridades, que a Deputación foi incapaz de identificar, segundo explicou o propio presidente.
O grupo socialista considera “obsceno” dicir que, por exemplo, “nin Baltar nin ninguén na Deputación sabe quen era o condutor do coche oficial multado a 157 qm/h nunha estrada convencional en Monforte de Lemos (Lugo) un domingo de setembro de 2021 limitada a 90”.
“Baltar xa ten o mérito de entrar no rexistro de condutores temerarios reincidentes de España e próximamente terá o mérito de estar no rexistro de delincuentes, cando sexa condenado polo penal logo do xuízo do día 31 de maio en Zamora” conclúen desde o PSdeG-PSOE.