Santiago de Compostela/PSdeG | O deputado socialista Martín Seco reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia a reprobación do ex ministro de Defensa Pedro Morenés e das sucesivas cúpulas de Navantia durante o goberno de Mariano Rajoy “por deixar á empresa sen carga de traballo e nunha situación de quebra técnica”. A petición recollíase nunha emenda a unha iniciativa do PP, que foi rexeitada cos votos en contra dos populares.
Tal e como explicou Martín Seco, a reprobación a Morenés está xustificada “por paralizar o proceso de contratación das fragatas F110 a Navantia por intereses particulares do ministro e, polo tanto, por retrasar o comezo da súa construción ata a chegada do actual goberno do Estado, deixando sen carga de traballo ao estaleiro ferrolán durante anos”.
Nesta liña, reclamoulle ao PP que lles explique aos ferroláns e aos traballadores “por que tiña o goberno do PP tanto interese en poñerlle uns mísiles da empresa MBDA ás fragatas contra o criterio da propia Armada ou cal era a relación desta empresa co ministro Morenés”. Fronte a esta situación, lembrou que foi finalmente o goberno socialista o que asinou “uns contratos que van a supoñer unha investimento de máis de 4.000 millóns de euros para Ferrol, garantindo 10 anos de carga de traballo e a creación de 7.000 empregos”.
“O deputado do PSdeG tamén solicitou a reprobación das sucesivas direccións de Navantia debido a que ‘durante os gobernos de Mariano Rajoy deixaron á empresa en situación de quebra técnica”
De maneira complementaria, o deputado do PSdeG tamén solicitou a reprobación das sucesivas direccións de Navantia debido a que “durante os gobernos de Mariano Rajoy deixaron á empresa en situación de quebra técnica”. Así, recordou que a compañía estivo inmersa en causa de disolución segundo a lei de sociedades de capital”, ata o punto de que foi “sostida unicamente polos préstamos participativos da SEPI por valor duns 1.500 millóns de euros que asinou o goberno actual do Estado”.
Fronte “a situación insostible producida pola incapacidade, a incompetencia e a falla de aposta de por Navantia do goberno popular”, Martín Seco recordoulle ao PP que non foi ata a chegada do Partido Socialista ao goberno central cando se recuperou a carteira de defensa co programa das F-110 en Ferrol e o S-80 en Cartagena, “pasando de ter 1.680 millóns de euros en 2017 a 7.747 millóns de euros a finais de 2020”.
Tamén incidiu en que “co actual goberno á fronte asinouse o Plan Estratéxico 2018-2022, que permitiu manter a viabilidade da empresa e a actividade en todos os centros.
Así, “dende a chegada do actual goberno do Estado pasamos da quebra técnica de Navantia e da falla de carteira de traballo a que Ferrol sexa o estaleiro que ten no futuro un maior volume de carteira de traballo coa execución do maior programa de fragatas dos últimos anos”. En calquera caso, lamentou “este período que estamos a vivir, sobre todo para os traballadores das auxiliares, derivado do esquecemento ao que que someteu o goberno de Rajoy e o seu ministro Morenés ao proxecto das novas fragatas F-110”.
Martín Seco tamén salientou que agora “os prazos do programa das fragatas F-110 están a cumprirse sen retraso e que o inicio da súa construción está previsto para o primeiro trimestre de 2022”.
Amosou a súa satisfacción porque “ese desenvolvemento tecnolóxico é único neste país nestes momentos e estase levando a cabo en Ferrol, o que supón un investimento en innovación que será exportable ao mundo civil e permitirá que a F-110 poida tamén ser exportada internacionalmente”.
A Xunta debe facer uso das súas competencias industriais
Neste escenario, o parlamentario socialista reclamoulle ao PP que sume e aporte algo positivo.
Así, reivindicou que a Xunta de Galicia faga uso das súas competencias en economía, industria e formación para elaborar un Plan de reactivación económica das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal ou para participar máis activamente no desenvolvemento do Estaleiro 4.0 de Ferrol, con proxectos para a captación de fondos europeos no estaleiro ferrolán.
Tamén lle esixiu ao goberno galego que leve a cabo un plan formativo para os traballadores da industria auxiliar do sector para garantir a súa competitividade ou que elabore un plan de captación de actividades industriais ligadas á industria eólico-mariña, que poida englobar outros sectores que sexan estratéxicos para a comarca.
Nesta liña, Martín Seco criticou que o Partido Popular siga a levar a mesma iniciativa ao Parlamento unha e outra vez nun exercicio de “propaganda sen sentido” para intentar “ocultar que a Xunta de Galicia non ten solucións ante os problemas industriais da cidadanía das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal”.
“A pesar de que o goberno galego ten todas as competencias en materia industrial segue abandonando á cidadanía de Ferrol á súa sorte”, afirmou. Por iso, pediulle aos populares que “deixen de tomarlle o pelo á cidadanía e fagan algo máis que observar como se desangra industrialmente este país.
O PP négase a atender as demandas da hostalería
Pola súa banda, a portavoz de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, lamentou hoxe que o Partido Popular siga negándose a dar resposta ás demandas do sector da hostalaría para establecer de maneira inmediata unha liña de axudas que permita compensar as perdas derivadas das restricións impostas pola covid.
“O PP votou en contra dunha iniciativa do Grupo Socialista na que se recollían as demandas trasladadas polo sector”
O PP votou esta mañá en contra dunha iniciativa do Grupo Socialista na que se recollían as demandas trasladadas polo sector e na que, de maneira específica, tamén se lle reclamaba ao goberno galego unha especial atención aos locais de ocio nocturno.
“Esta é”, sentenciou Gallego, “a verdadeira demostración do apoio que o Partido Popular lle dá a un dos sectores máis castigados pola vergoñenta improvisación da Xunta neste último ano e medio: nada de nada”. A situación resulta incluso “máis grave e lamentable” tendo en conta que a Xunta nin sequera ten a responsabilidade de “reparar o dano que lle ten feito ao sector coa xestión caótica levada a cabo ata o momento”.
Na súa intervención, a deputada socialista incidiu en que para afrontar unha situación excepcional, con medidas excepcionais, débense establecer políticas especiais. Neste caso, a proposta do PSdeG pasa por establecer unha liña de axudas dirixidas aos negocios de hostalería afectados polas restricións na quinta vaga da pandemia.
Ao mesmo tempo tamén se lle solicita ao goberno galego que pacte cos representantes do sector o mecanismo e o cálculo para compensar as perdas derivadas das restricións e que se lle preste unha atención prioritaria ao ocio nocturno.
Segundo os datos da asociación Galicia de Noite, estes negocios apenas facturaron o 6,37% do que ingresaran a estas alturas en 2019 e ademais, o seu volume de facturación en está “moi por debaixo” da media nacional, que é do 11,46%.
A maiores, Gallego recordou que o avance do Plan Nacional de Vacinación, co 70% da poboación vacinada, permite comprender que “a situación epidemiolóxica, sendo complexa, ten características distintas respecto das anteriores vagas sufridas”.
Así, a parlamentaria do PSdeG fixo un chamamento a “afrontar a situación epidemiolóxica e as medidas a tomar con un enfoque distinto que o realizado ata o de agora, axustando a busca e control nos contornos de maior fluidez de contaxios, e tratando de non culpabilizar e sentenciar a un entorno concreto, como pode ser a hostalería”.
Nesta liña, incidiu en que “temos que ir cara menos restricións na hostalería, xa que a gran maioría da poboación está vacinada” e reclamou que “as medidas que se tomen que sexan para quedarse e non para cambiar cada semana”.
Xestión caótica da desescalada por parte da Xunta
Ao fío disto, Leticia Gallego lembrou que “as políticas das Xunta de Galicia respecto á desescalada na hostalería ata o de agora foron incoherentes, chapuceiras e froito da improvisación na que está sumida o goberno do señor Feijoo”.
Por iso, apelou ao presidente da Xunta para que “agora que volve das vacacións aprobe de forma inmediata un protocolo de medidas anticovid estables, que non muden cada semana e que sexan pactadas con toda a hostalería”. Así, tal e como demanda o sector, Gallego defendeu que os cambios de restricións non deberían realizarse os sábados senón os luns, “para que non afecte ás provisións que realizan os locais en fin de semana”. Ademais, reivindica “establecer o máximo de capacidade nas terrazas de todos os locais de hostalaría e ampliar os aforos e horarios con medidas estables para que se leven a cabo tanto no interior coma no exterior dos negocios”.
“[Leticia Gallego] apelou ao presidente da Xunta para que ‘agora que volve das vacacións aprobe de forma inmediata un protocolo de medidas anticovid estables”
Ao fío disto tamén lle reclamou á Xunta de Galicia que “deixe de demonizar ao sector -como manifestou o TSXG cando declarou ilegal o pasaporte covid- e que despregue un conxunto de axudas para que a hostalería poida seguir adiante e adaptarse aos novos protocolos”.