Santiago de Compostela/PSdeG | O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, vén de censurar o “pacto de estado por Ferrol proposto pola Xunta, xa que “é unha carta aos Reis Magos, ao igual que a listaxe de proxectos para os fondos europeos”. Fíxoo, hoxe, no Pleno da Cámara galega logo de que defender unha proposición non de lei do Grupo Socialista neste senso, que se votorá mañá por parte dos grupos parlamentarios.
En canto ao texto, o responsable socialista lamentou sexa “un cúmulo de perogrulladas e inconcrecións”, no que destacan que “teñen 100 medidas”, pero “eu dígolles que son de risa”. ”Non poden vestir o escapismo e a inacción de oferta de pacto de estado porque quen ten a competencia exclusiva para facer política industrial son vostedes”, sentenciou.
Malia todo, subliñou Arangüena, neste labor, a Xunta “vai atopar total receptividade na administración estatal e nas administracións locais para levar adiante calquera iniciativa positiva para a comarca”.
“O dirixente socialista criticou a ‘evasión de responsabilidades’ da Xunta de Galicia con respecto a Ferrol cando dispón das ‘competencias plenas e exclusivas’ en política industrial e de promoción económica”
Neste senso, o dirixente socialista criticou a “evasión de responsabilidades” da Xunta de Galicia con respecto a Ferrol cando dispón das “competencias plenas e exclusivas” en política industrial e de promoción económica. Así, lamentou as “promesas incumpridas” do goberno galego con respecto á comarca cando, de 13 compromisos adquiridos en 2009, 12 anos despois, “poderíamos dicir que só cumpriu 2 e medio”.
De feito, tendo en conta que “non hai mellor indicador da vitalidade dunha cidade que a súa poboación”, sinalou, no período de goberno do PP de Feijóo, o municipio perdeu 8.713 habitantes, o que supón “a perda de poboación máis acelerada” da súa historia.
“Non hai mellor indicador da vitalidade dunha cidade que a súa poboación (…) no período de goberno do PP de Feijóo, o municipio perdeu 8.713 habitantes, o que supón ‘a perda de poboación máis acelerada’ da súa historia”
Nesta liña, o vicevoceiro socialista lembroulle ao PP que a construción das fragatas F-110 “retrasouse dous anos polos mísiles que o ex ministro Morenés quería colocar nas fragatas para favorecer a determinadas empresas”.
“Bótenlle a culpa ao goberno central do que pasa en Galicia ou en Ferrol, pero vostedes saben que menten”, apelou o vicevoceiro do PSdeG no Parlamento, logo de enunciar a “preocupante” situación que está a vivir o sector industrial nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Cortegal.
Hai que impulsar un plan “urxente” de promoción económica en Ferrol
Por todo isto, Arangüena instou á Xunta a impulsar un plan “urxente” de promoción e reactivación económica das comarcas de Ferrolterra, Eume e Cortegal “para compensar o impacto económico da pandemia e reactivar o tecido produtivo” que inclúa unha diagnose das posibilidades e oportunidades de investimento nas comarcas “en sintonía co tecido empresarial, as posibilidades loxísticas e as necesidades do mercado” e que se realice “en cooperación e diálogo coas entidades representativas do empresariado, sindicatos, universidades, administracións e sociedade civil”.
“Opacidade” e “falla de transparencia” na xestión dos proxectos
Finalmente, o vicevoceiro socialista criticou a “opacidade” e a “falla de transparencia” da Xunta con respecto á xestión dos proxectos europeos. Por iso, instou á Xunta de Galicia “a que se remangue” e “fale coa sociedade civil e co resto das administracións”.
“Non aposten polo ‘canto peor, mellor’ no que parecen instalados dende que cambiou o goberno de España e exerzan as súas competencias en materia de política industria e de promoción económica porque teñen todas as do mundo e poden facer moitísimo máis con elas do que se fixo nos últimos 11 anos”, concluíu.