Santiago de Compostela/PSdeG | A vice-voceira do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou a “falla de ambición” do proxecto de Lei de residuos e solos contaminados, que queda atrás con respecto á normativa europea. Fíxoo no Pleno do Parlamento, onde pediu a devolución da Lei, mediante a presentación dunha emenda á totalidade.
Castro criticou a “escasa aposta” da Xunta pola ordenación do réxime de prevención e xestión dos residuos, logo de que a Consellería de Medio Ambiente demorase “case tres anos” un proxecto de Lei que cualificou de “maquillaxe e lavado de cara”. Ademais, lamentou que este “retraso na tramitación” provocou que o texto “non apareza aliñado coas políticas europeas”.
A responsable socialista censurou “a práctica ausencia da regulación dos plásticos” no texto legal e lamentou unha estratexia sobre xestión dos biorresiduos “pouco ambiciosa”. Así, a socialista propuxo que se adapten os modelos á realidade de cada un dos territorios, de xeito que combinen “fórmulas coma a compostaxe” con outras como “a recollida porta a porta”, e que apliquen “o principio reitor de ‘Quen contamina, paga’”.
En relación ás entidades locais, Castro criticou a falla de “coordinación interadministrativa”, así como a carencia de mecanismos para acadar “un financiamento suficiente”. Neste senso, instou ao goberno galego a contar cos concellos galegos na elaboración dos plans de residuos.
A responsable socialista criticou o “modelo de concentración ou modelo Sogama”, que “segue presente neste proxecto de Lei”. Nesta liña, incidiu na necesidade de apostar “por un modelo territorializado e de proximidade”, así como na creación dunha “rede para a valoración de residuos como a fracción resto, para a valorización enerxética e de tratamento do rexeitamento”.
Castro lembrou que o Consello Económico e Social criticou en Ditame “a falla de medidas reais para a educación e formación medioambiental, a falla de coordinación con outras comunidades autónomas”, así como o “financiamento insuficiente aos concellos”.
Por último, urxiu “a necesidade de facer partícipe á cidadanía”, mediante a creación de campañas de sensibilización “para mellorar a información” sobre prevención e xeración de residuos, a súa separación axeitada en orixe, así como a posible reutilización e reciclaxe. “Non incorra a Xunta en pretender impoñer sancións antes de informar”, aseverou a socialista, quen instou ao goberno galego a “facer menos campañas de autobombo” e “máis labor de información da xestión eficiente dos residuos”.