Santiago de Compostela/PSdeG | O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, vén de criticar o proxecto de lei reguladora de acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia, xa que “é unha norma que non vai contribuír a remediar a falla de acción exterior da Xunta de Galicia”. Fíxoo hoxe durante a elaboración do ditame, do citado proxecto de lei na Comisión Institucional do Parlamento.
“É unha norma atrapallada, moi extensa e que abonda en cuestións burocráticas”, aseverou o responsable socialista, quen subliñou a “imprecisión” dun texto legal “baleiro de contido” e “alleo á realidade de Galicia. Nesta liña, criticou un texto cun “desenfoque que non se arranxa emendando, senón modificando o texto de xeito radical”.
Arangüena sinalou que a acción exterior de Galicia parte da “ensoñación política” e non se contempla unha regulación “coherente” da acción e promoción económica fóra de Galicia. Así, criticou que Galicia recibe “moito menos investimento directo do exterior que a media do estado”, xa que “capta menos do 0,2% do total do PIB o cada ano, cando o seu peso no PIB do Estado ronda o 6%”.
“Son cifras demoledoras que desmenten o atractivo inversor de Galicia, a diferenza do norte de Portugal, que capta capital a moreas, dende hai anos, mentres Galicia mira para outro lado”, sentenciou.
O responsable socialista sinalou o “problema de fondo” que supón o IGAPE, “un desastre na promoción de Galicia e na captación de investimento estranxeiro” e que “demostrou a súa ineficacia, algo ao que a Xunta parece a allea”.
“O responsable socialista sinalou o ‘problema de fondo’ que supón o IGAPE, ‘un desastre na promoción de Galicia e na captación de investimento estranxeiro”
“A única acción de captación exterior en 11 años por parte do gran xestor que se presupón o presidente da Xunta foi o caso PEMEX, que constituíu un acordo marabilloso”, lembrou con ironía Arangüena.
Doutra banda, o responsable socialista sinalou que “a diáspora tradicional xa é cousa do pasado” cando, nos últimos 10 anos, marcha de Galicia “xente nova, ben formada e cualificado e na que o noso sistema educativo investiu moitos recursos”. Así, lamentou que haxa “decenas de milleiros de profesionais que tivesen que saír de Galicia por falla de oportunidades”.
“Desmentindo a omnipresente propaganda oficial que nos pinta unha Galicia feliz e encantada de coñecerse”, que “non existe na realidade”, aseverou o socialista.
Críticas polas “vacinacións irregulares” do PP
Pablo Arangüena instou ao PP a aclarar “que van facer os concelleiros do seu partido en Boimoito co seu voto” durante a reprobación da alcaldesa do municipio trala súa vacinación irregular
O vicevoceiro do Grupo Socialista pide ao presidente da Xunta que “deixe de relativizar a corrupción do PP”, xa que “os documentos que están incorporados na causa refiren pagos en B tamén no PP de Galicia”
Arangüena vén de criticar a vacinación irregular da conselleira delegada de Domus Vi, cando “se incumpriu o protocolo de xeito descarado, en beneficio dunha amiga do PP de Galicia”. Fíxoo, hoxe, nunha rolda de prensa no Parlamento.
Arangüena censurou a vacinación “saltándose todos os protocolos” da conselleira delegada de Domus Vi, “unha señora que é amiga do señor Feijóo e doutros cargos do PP de Galicia”. Así, criticou o “respaldo” do PP amosado polo seu voceiro no Parlamento, “que se move entre o cinismo e a falsidade” ao sinalar “que a súa vacinación foi correcta porque en Galicia se inmunizou a todos os directores de residencias”.
“A señora Fernández non é unha directora de residencia, senón accionista, millonaria e a máis alta directiva en España dun imperio xeriátrico creado e expandido baixo o paraugas da Xunta de Galicia, e no que houbo 2.600 falecidos nesta pandemia, centos deles en Galicia”, sentenciou. Nesta liña, subliñou que “non é, como di o PP, unha directora, dunha residencia ou persoal asistencial que deba ser vacinado”.
“É completamente falso que o seu contacto cos usuarios sexa permanente, xa que nin é permanente nin esporádico, como demostra o comunicado que a Asociación de Traballadoras de Residencias de Galicia emitiu hai uns días”, incidiu. En relación a este documento, recordou que TREGA acusou á conselleira delegada de “utilizar o seu cargo e influencia para recibir unha vacina”, o cal “é tanto como facer unha acusación de prevaricación e tráfico de influencias”.
Ademais, sinalou que Domus Vi “recibiu decenas de denuncias por explotación do persoal, maltrato aos residentes, incumprimento de protocolos e que, a pesar desas decenas de denuncias, nunha foi sancionada pola Xunta”, incluso cando coñecían “o Informe do Consello de Contas de 2017, que poñía branco sobre negro as irregularidades que se producían nesa e noutras empresas”.
O vicevoceiro do Grupo Socialista criticou tamén as palabras do conselleiro de Sanidade que tachou as vacinacións irregulares como “cuestión baladí”, cando “a diferenza entre que alguén se vacine ou non pode ser a morte”. Así, sinalou que “se a cidadanía respecta os turnos que establecen os protocolos sanitarios, exactamente o mesmo teñen que facer os cargos do PP e os empresarios amigos do PP de Galicia”.
En relación ao pleno de reprobación da alcaldesa de Boimorto que se celebrará hoxe no municipio, o responsable socialista preguntou ao PP “que van facer os seus concelleiros co seu voto”. Así, Arangüena criticou que o PP “o único que fixo foi abrir un expediente, o cal é tanto como dicir nada”.
Nesta liña, instou aos concelleiros do PP de Boimorto a que lle retiren o seu apoio a alcaldesa, xa que “forma parte da súa capacidade de acción”.
Feijóo “relativiza a corrupción do PP”
“A pesar da gravidade e transcendencia dos feitos que xa se coñecen en relación ao casos Bárcenas, Gurtel e Kitchen, o líder do PP de Galicia non deixa de facer declaracións para relativizar estes temas”, criticou Arangüena, quen pediu ao presidente da Xunta “que por responsabilidade deixe de facer declaracións relativizando a corrupción do PP”.
“A pesar da gravidade e transcendencia dos feitos que xa se coñecen en relación ao casos Bárcenas, Gurtel e Kitchen, o líder do PP de Galicia non deixa de facer declaracións para relativizar estes temas”
Así, o responsable socialista lembrou que “detrás do caso Bárcenas está a corrupción do seu partido incluíndo Galicia porque os documentos que están incorporados na causa refiren pagos en B en sedes do PP en Valencia, Madrid e tamén en Galicia”.
“O señor Crespo, que foi secretario de organización de Galicia, declarou que o PP de Galicia participaba na financiación ilegal” e que “se repartían sobres cando Feijóo xa era un alto cargo do PP de Galicia e membro da Xunta de Galicia”, sentenciou.
Por último, en relación “á condena por corrupción” do que fóra presidente da Deputación de Pontevedra e dirixente do PP de Pontevedra, Rafael Louzán, Arangüena sinalou que “debería ser cesado” como presidente da Federación Galega de Fútbol.