Santiago de Compostela/PSdeG | A voceira de Pesca do Grupo Parlamentario Socialista, Patricia Otero, denunciou hoxe que que a Xunta de Galicia tan só concedese unha única axuda o ano pasado con cargo á convocatoria de subvencións cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e que tiña como obxectivo impulsar a competitividade e a innovación no sector do mar e a pesca de Galicia.
Así o evidenciou esta mañá no Parlamento de Galicia, onde resaltou que, polo tanto, o goberno galego “non cumpriu as expectativas” postas nesta orde de axudas, cunha execución que polo de agora é “alarmantemente baixa”, o que “nos deixa moi preocupados”.
A propia directora xeral de Pesca admitiu, a preguntas da deputada socialista, que nas dúas liñas activadas durante 2021 e cofinanciadas polo FEMP so se presentaran 3 solicitudes. Destas, rexeitáronse dúas e só se concedeu unha. “O resultado é incrible”, remarcou Otero, porque “unha soa axuda en todo o ano pasado deixa moito que desexar sobre o traballo feito pola Consellería do Mar a prol do sector pesqueiro”.
A maiores, Patricia Otero desvelou que esta convocatoria se publicou no mes de xaneiro e o goberno galego tardou máis de 11 meses en resolvela. De feito, as resolucións chegaron o 28 de decembro, “cando era imposible por parte do sector xustificar nada para este ano”.
En paralelo, Otero lamentou que a Xunta fose “incapaz de executar eses fondos malia o acordo por unanimidade deste Parlamento para poder executar a maior cantidade posible”. Nesta liña, reclamoulle á Consellería do Mar que tome as medidas necesarias para poder dar cumprimento a esta resolución parlamentaria.
A Xunta deixa aproveitar os fondos que recibe doutras Administracións
En calquera caso, Patricia Otero alertou de que esta situación “non se cingue unicamente aos fondos para a pesca, senón que de maneira habitual a Xunta deixa sen aproveitar os cartos que recibe doutras administracións e que servirían para axudar a tantos sectores en tempos de crise”.
A deputada do PSdeG enmarcou esta situación nun contexto no que a Xunta e Feijoo “están a seguir a doutrina que lles marca o sector máis conservador e radical do PP, encabezado pola presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso”.
Así, o goberno galego dedícase a lanzar críticas contra o goberno central polos criterios e o reparto de fondos europeos, ameazando incluso con levar os tribunais este tema, cando a realidade é que foron negociados e acordados coas comunidades autónomas. Non só iso, senón que ademais recordou que as autoridades europeas respaldaron a xestión que está a facer o España deses fondos, xa que “fomos o primeiro país da UE en recibilos”.
A maiores, incidiu en que “mentres a Xunta di que o goberno central discrimina e prexudica a Galicia, a nosa Comunidade foi a sexta do Estado en recibir máis cartos”. Os “ataques da Xunta en función de criterios políticos” tampouco se sustentan tendo en conta que catro das seis autonomías que máis cartos reciben están gobernadas polo Partido Popular.
Por último, Patricia Otero sinalou que “non resulta coherente que a Xunta reclame máis fondos, cousa que nos parece ben, cando a súa execución orzamentaria é baixísima”. Como exemplo, resaltou que dos fondos recibidos para o emprego en 2020, “a execución foi inferior ao 50 por cento e nalgunhas partidas non chegou nin sequera ao 2 por cento”.