Ponteareas/PSdeG-PSOE | O grupo municipal do PSdeG de Ponteareas decidiu non asistir á inauguración das novas instalacións da residencia de artistas que se vai celebrar o vindeiro día 26 de outubro.
Esta decisión débese a que o proxecto orixinal contemplaba a creación dun centro cívico que proporcionase cobertura e apoio ao tecido asociativo do concello, e non a creación dun chiringuito como está impulsado o tripartito de dereitas (PP-ACIP e IdP) coa complicidade da Xunta de Galicia.
A portavoz do PSdeG de Ponteareas, Vanesa Fernández, expresou a desconformidade coa decisión do cambio de uso das instalacións: “O noso compromiso sempre foi co fortalecemento do tecido asociativo de Ponteareas. A transformación deste proxecto nunha residencia de artistas non reflicte as necesidades e demandas dos colectivos sociais do noso concello, a parte de que pode comprometer a chegada dos fondos europeos que se utilizaron para a rehabilitación do edificio.”
O PSdeG de Ponteareas reitera o seu apoio á creación de espazos que fomenten a participación cidadá e o desenvolvemento de actividades comunitarias. “Seguiremos traballando para que se respecten os proxectos que verdadeiramente beneficien aos nosos veciños e veciñas,” engadiu Vanesa Fernández.