Xinzo de Limia | O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia celebra a “axilidade” do Ministerio de Transportes na licitación da obra de humanización da N-525, que unha semana despois do anuncio, xa está na plataforma de contratación do Estado para que aquelas empresas que o desexen presenten a súa oferta ata o día 16 de xaneiro. As e os socialistas sinalan que esta obra que conta cun orzamento de 4,8 millóns de euros, a través dos fondos Next Generation, “vai converterse no modelo para outras actuacións no resto do Estado”.
A partir do 16 de xaneiro, “entraremos na fase de adxudicación e deste xeito os traballos previstos comezarán en xuño de 2025, tendo unha duración de 12 meses”. É un proxecto conseguido durante o anterior mandato e impulsado pola ex rexedora, Elvira Lama Fernández. Neste senso apuntan que o proxecto do goberno socialista arrancaba en 2021 e tres anos despois está a punto de ser adxudicado, co obxectivo de que as obras estean rematadas antes do verán de 2026.
A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, destaca que as e os socialistas “creemos firmemente neste proxecto que suporá un antes e un despois para a vila, coa transformación da principal vía de comunicación de Xinzo, como é a N-525”. Neste senso, a edil socialista pon de manifesto que esta estrada “converterase nunha travesía moderna, fluída, sostible, na que se aposte pola integración cara a mobilidade sostible e que suporá a transformación na concepción urbana dos espazos públicos, incorporando carrís bici e dúas rotondas, que aportarán seguridade en cruces agora moi perigosos”.
Lama Fernández tamén apunta que “sempre confiamos na palabra dada e no traballo dos técnicos e directivos da demarcación de estradas en Ourense e en Galicia, así como no director de estradas do Ministerio, Juan Pedro Palomino, que fixeron que un proxecto deste tipo saíse adiante con tanta rapidez”.
Elvira Lama afirma convencida que a magnitude da actuación en case catro quilómetros e que abarcará toda a estrada principal, Avenida de Madrid e Avenida de Ourense ata os institutos, con tódolos cambios e melloras substanciais que contempla o proxecto, “vai converter esta actuación na mais importante dos últimos 50 anos na vila de Xinzo, e teremos por fin unha travesía moderna e completamente nova”.
“Está comprobado que só as administracións socialistas compren con Xinzo, pois son as que están financiando as grandes obras deste concello, CHMS, Ministerio de Transportes, ou Ministerio de Agricultura” afirma Lama, antes de subliñar que “polas obras prometidas da Xunta seguimos esperando, sentados”. Na foto recreación das obras proxectadas.