Santiago de Compostela/PSdeG | O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, vén de denunciar que “Feijóo non dea a máis mínima explicación” cando “o que se sabe do Caso Bárcenas comeza en Galicia e remata en Galicia”.
“Tanto o ex xerente do PP, Cristobal Páez, como o propio Bárcenas, confirmaron que a última operación coñecida da caixa B do PP foi un pago en efectivo de 50.000 euros que procedía do PP de Pontevedra e que se repartiu en 2 sobres, a Rajoy e a Dolores de Cospedal”, sentenciou o socialista.
Así, Arangüena sinalou que na documentación “figura unha relación de ingresos de empresas por importe de 2 millóns de euros que era a contabilidade B do PP de Galicia cando Feijóo xa era presidente do partido en Galicia”. Malia isto, incidiu, “a día de hoxe o goberno do Sr. Feijóo non deu a máis mínima explicación convincente destes temas”.
“Pablo Crespo, ex secretario de organización do PP de Galicia, recoñeceu que o PP de Galicia estaba totalmente implicado na financiación ilegal do PP” e “asegurou que no PP de Galicia tamén houbo sobres”, remarcou o socialista. Isto, sinalou, “implica que, por moito que se queira tapar, hai probas suficientes de que o PP de Galicia foi dopado ás eleccións durante polo menos dúas décadas e, como mínimo, ás primeiras eleccións de Feijóo no ano 2009”.
Feijóo “relativa os feitos”, maila a súa “enorme trascendencia”
O vicevoceiro socialista sinalou que “mesmo na investigación do caso Kitchen fálase de documentos que probarían pagos en B en sedes do PP de Galicia, Valencia e Madrid” o que supón que Galicia “estea situada ao mesmo nivel que eses dous centros de corrupción que foron os feudos do PP de Valencia e de Madrid”.
Con respecto a esta investigación, Arangüena lamentou que “malia a enorme transcendencia dos feitos que xa se coñecen, o presidente da Xunta ten feito declaracións reiteradas sobre este asunto para relativizalo” ao argumentar que se trataba de feitos acontecidos hai 15 ou 20 anos, cando isto “non se axusta á realidade”, xa que “aborda feitos presuntamente cometidos nos anos 2013 e 2014”.
“Non é coincidencia” que a Xunta “mire para outro lado” co caso de corrupción de Louzán
“O Sr. Louzán manexa cada ano 400.000 euros de fondos públicos e está condenado por corrupción, pero a Xunta non fai nada ante isto cando ten ferramentas xurídicas máis que suficientes para actuar sobre os organismos directivos das federacións deportivas a través do Comité Galego de Xustiza Deportiva”, aseverou.
Ademais, Arangüena subliñou que a Xunta “mira para outro lado” cando “ten os medios para forzar politicamente a saída de Louzán”. Así, incidiu en que “non é unha coincidencia que o último pago da Caixa B do PP saíse de Pontevedra e que quen era presidente do PP de Pontevedra nese momento sexa hoxe presidente da Federación Galega de Fútbol, condenado por corrupción e que a Xunta mire para outro lado”.
“Preocupación” polos “antecedentes de corrupción do PP de Galicia” co respecto ao “manexo” dos fondos públicos Next Generation
“É fundamental que as administracións e as persoas que exercen a política se comporten dun xeito ético”, subliñou o responsable socialista, quen amosou a súa “preocupación” polos “antecedentes de corrupción do PP de Galicia e as implicacións que poden ter para o manexo das inxentes cantidades de fondos públicos que Galicia vai recibir dos fondos Next Generation”