Vigo/PSdeG | A deputada viguesa Isaura Abelairas vén de denunciar o veto da Xunta á reubicación da Escola Infantil Municipal Santa Marta de Vigo nos espazos dispoñibles no CEIP Ramón y Cajal ‘Picacho’, situado na mesma zona escolar. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, a través da presentación dunha pregunta ao conselleiro de Educación.
Abelairas criticou que a Xunta se opoña a proposta do Concello de Vigo de empregar unha parte do ‘Picacho’ para este fin, cando se constatou que este centro dispón de “6 aulas baleiras”, xa que escolariza só a 114 alumnas e alumnos, malia ter capacidade para 235.
Así, a responsable socialista lembrou que a administración municipal manifestou o seu “compromiso” coa Consellería de Educación de facer as obras que permitan unha entrada independente, o acondicionamento das aulas e patio exterior, así como buscar formas posibles para a utilización do comedor escolar, de xeito que a reubicación da escola infantil a este centro “non mingüe a calidade educativa do alumnado de Infantil e Primaria do Picacho”.
Neste senso, a socialista instou ao goberno galego a “aproveitar os espazos públicos dispoñibles” para reubicar unha escola infantil que conta con 42 nenas e nenos matriculados e tendo en conta a proximidade do CEIP Ramón y Cajal coa escola infantil, ambas situadas no Barrio do Cura.
Finalmente, a socialista acusou á Xunta de manifestar a súa negativa á reubicación da escola infantil antes de dispor de informes técnicos que avalasen a súa decisión e obrigando ao Concello de Vigo a trasladar a Escola Infantil Municipal Santa Marta ao edificio onde se atopa o Instituto Municipal de Educación (IME), no Chouzo, por ser a única alternativa á proposta inicial.