Santiago de Compostela/PSdeG | O PP rexeita a proposta socialista para declarar BIC o Castro Valente, situado entre os municipios de Padrón e A Estrada. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Cultura do Parlamento, logo de votar en contra dunha proposición non de lei do Grupo Socialista para instar á Xunta a recoñecer o ben.
“Non podemos consentir que en aras do progreso e da mala ou nula planificación, encarnado nesta ocasión nun novo parque eólico, destruamos o noso patrimonio, como estamos vendo ao longo de todo o país”, reivindicou a voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, logo de pedir ao goberno galego que recoñeza como BIC o Castro Valente, xa que “corre serio risco de afectación polas posibles obras de construción dun parque eólico e a proximidade da proxectada liña de alta tensión ‘LAT 220 kv Lousame-Tibo’”.
Díaz urxiu así a “protección” de Castro Valente, xa que, segundo a información preliminar feita pública, grazas ás tres catas realizadas, ademais de precisar as grandes proporcións da muralla, cuxa envergadura sitúan o xacemento como “un maiores recintos fortificados” de Galicia, “puido constatarse a existencia dunha torre adosada de planta rectangular de cinco metros de ancho que sobresae do lenzo outros tres”.
Isto pode vir a confirmar, reivindicou a voceira socialista, que “estamos ante un enorme recinto amurallado reforzado nun momento a determinar con torreóns que, nesta cronoloxía, en Galicia resulta completamente singular e só comparable morfoloxicamente á muralla de Lugo”.
Polo tanto, tendo en conta a “especial relevancia do xacemento de Castro Valente, a confirmación das súas singularidades e o gran risco que corre”, subliñou Díaz, “consideramos necesario e procedente o seu recoñecemento como ben de interese cultural para garantir o máximo nivel de protección, seguido dunha adecuada política de inversión, difusión e posta en valor”.
“Tendo en conta a especial relevancia do xacemento de Castro Valente, a confirmación das súas singularidades e o gran risco que corre (…) consideramos necesario e procedente o seu recoñecemento como ben de interese cultural para garantir o máximo nivel de protección”
“Protexamos o noso patrimonio, que é de todo o pobo galego, pero sobre todo protexámolo para que as novas xeracións poidan gozar del. Os erros ou omisións nesta materia son fatais e irreversibles, como ben saben”, concluíu.