Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a actitude “cómplice e covarde” do Partido Popular ante o “peche encuberto” do Museo Municipal por parte do alcalde Gonzalo Pérez Jácome, logo de que éste anunciara públicamente a súa intención de trasladar a totalidade da programación expositiva á Sala Valente, “relegando o emblemático edificio da rúa Lepanto a unha simple sede administrativa”.
“O cambio de localización non é máis que outra escusa do rexedor para baleirar o Museo Municipal de contido e convertelo nun espazo morto” aseguran dende o grupo municipal socialista, ao tempo que apuntan á responsabilidade do PP, que “lle entregou nun pacto vergoñento a cultura a Jácome sabendo que a exterminaría”.
Neste sentido, aféanlle aos populares que levaran unha moción ao pleno municipal do mes de xaneiro para impedir o peche do museo, cando aínda estaban na oposición, mentres que “agora que teñen responsabilidades de goberno, miran cara a outro lado”.
Lembran ademais que, naquela iniciativa, os populares solicitaban que se ampliase o Museo Municipal ao edificio anexo co obxectivo de potenciar a súa actividade e que o goberno local se comprometese a realizar, polo menos, unha gran exposición ao ano. “Onde quedaron esas intencións, agora que realmente poden por freo aos ataques e abusos do alcalde?”, inquiren.
“Logo de intentar clausurar e privatizar o Museo Municipal, o alcalde opta por transformar un espazo cultural nunha dependencia burocrática sen contido, como xa tentou facer coa Sala Valente”, un movemento que non chegou a consumar grazas á mediación do PSdeG-PSOE de Ourense, conclúen.
Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense o anuncio feito polo goberno local de trasladar a parte expositiva do Museo Municipal á Sala Valente para que teña unha maior visibilidade amosa a “falla de modelo e de proxecto sobre o que se quere a nivel cultural”.
Segundo o concelleiro Luis Seara, a priori, “o traslado á Sala Valente para darlle unha maior visibilidade podería estar ben senon escondese detrás a falla total de modelo e do que se quere facer”, e engade “temos un goberno que se move a bandazos pois unha sala coma a Valente nun primeiro momento querían convertela en oficinas e agora parece que recupera a idea de seguir sendo unha sala expositiva, algo do que nos aledamos profundamente, pero non a costa do Museo Municipal”.
En relación precisamente ao Museo Municipal, Seara lembra que “é un museo de referencia dentro e fóra do noso país. Se lle retiramos a parte expositiva é como se lle estivésemos amputando unha parte importantísima e que lle dá sentido”.