Ourense | O PSdeG-PSOE vén de anunciar que elevará unha queixa á Valedora do Pobo, como como “importante defensora dos dereitos da infancia e da adolescencia así como a encargada de velar polo cumprimento da lexislación que os protexe”, pola elección por parte de Gonzalo Pérez Jácome dunha persoa dobremente condenada por abuso sexual como Rei Baltasar na cabalgata de Ourense.
“Parécenos un feito gravísimo dende unha dobre vertente, a ética e a legal” sinalou a secretaria de Igualdade do PSdeG-PSOE, Silvia Fraga, quen salientou que a dimensión moral é “indiscutible” por canto se lle resta importancia ó feito de que “unha persoa que cometeu delitos tan graves contra varias mulleres estea ao fin e ao cabo representando ó Concello nun acto dirixido a nenas e nenos”.
Así e todo, a socialista admitiu que “non se trata dun feito sorprendente” xa que “vai en liña coas actitudes reiteradamente misóxinas e machistas da persoa que está á fronte do Concello de Ourense”, e tamén “en coherencia coa ausencia de políticas de igualdade nesta cidade”.
No tocante á legalidade, a secretaria de Igualdade lembrou que o artigo 57 da Orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia “establece a obrigatoriedade de pedir o certificado negativo de delitos sexuais para participar en actos nos que haxa nenas, nenos e adolescentes”.
“Non sabemos con total seguridade se o señor alcalde coñecía ou descoñecía a existencia dos antecedentes desta persoa, máis se en primeiro lugar tivera pedido este preceptivo documento, xa o sabería. E en segundo lugar, aínda que o descoñecera e non o pedira, parécenos un silencio intolerable e atronador dunha semana dende que a oposición o denunciou ata que non tivo máis remedio que responder en pleno por mor dunha moción. Sexa como for, non ten escusa”, condeou.
Por último, a socialista puxo en cuestión a “discutible” xustificación do alcalde Jácome, quen se amparou en que tal obriga legal “só é aplicable a actos continuados e habituais, e non ocasionais”. Neste sentido, Fraga matizou que a lei tamén menciona que o certificado é preceptivo para calquera evento que teña como destinatarios principais a persoas menores de idade.
Así as cousas, a socialista deu a coñecer aos medios que dende o PSdeG-PSOE elevarán unha queixa á Valedora “en vindeiras datas” e anunciou que, de ser necesario, “non descartan recorrer a outras instancias”.
Pola súa banda, a responsable de Políticas Sociais do PSdeG-PSOE, Marga Martín, subliñou que “a normativa de protección de menores neste establece claramente que todas as actuacións das entidades públicas e privadas en materia de infancia deben protexer o interese superior do menor por riba de calquera outro interese”. Ademais, a socialista salientou que a dita lexislación tamén establece que “todas as actividades que se realicen deben asegurar o coidado, a protección e a seguridade da infancia”.
O incumprimento desta normativa por parte do alcalde de Ourense, quen fixo que “centos de nenos e nenas desta cidade se achegaran a un delincuente sexual” é para as e os socialistas “un feito sen parangón” e denota “o desprezo do alcalde cara á infancia e a cidadanía en xeral”, ademais da falta de compromiso do primeiro edil coas políticas de Igualdade de Xénero.
“Quero lembrar que unha das primeiras accións deste alcalde foi desvencellar o Concello de Ourense do Sistema VioGén, de protección e seguimento das vítimas de violencia machista” destacou Martín, quen tamén expresou a súa repulsa cara á agresión do alcalde a unha muller sindicalista o pasado mes de maio, un episodio que tachou de “intolerable e sen explicación”.
Por último, a voceira municipal do PSdeG-PSOE e secretaria local dos socialistas ourensáns, Natalia González, reivindicou que “este é un paso máis” para “devolverlle a dignidade ao Concello” e advertiu que “estamos nun contexto no que non debemos permitir que se frivolice coa violencia machista e cos dereitos dos menores”.
“As políticas de igualdade e a loita contra a violencia de xénero están moi presentes na axenda do PSdeG-PSOE e non imos deixar de dar a cara por elas”, rematou.