PSdeG emenda iniciativa do BNG para recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia

Propuxo un estudo histórico sobre a construción do Goberno de Galicia no exilio

Santiago de Compostela/PSdeG-PSOE | A portavoz socialista de Cultura no Parlamento Galego, Silvia Longueira, defendeu na sesión plenaria de hoxe “saldar unha débeda” con Castelao promovendo o estudo da construción do Goberno de Galicia no exilio e a difusión desa historia, “que nunca acabamos de coñecer e honrar”. Foi a través dunha emenda á iniciativa coa que o BNG propoñía recoñecer a Castelao coma primeiro presidente de Galicia.

Longueira valorou na súa intervención o legado político e creativo de Castelao como “un patrimonio descomunal de Galicia”, tanto dos galegos e galegas “que non o coñecen, como dos que o usan e dos que o teñen como guía”. Mais sinalou que todo ese patrimonio creado no exilio “nunca pretendeu expender certificados de galeguidade, senón simplemente explicar quen somos, denunciar a ignominia e procurar medrar nunha amplitude de miras”.

Desde a tribuna, a deputada coruñesa recoñeceu a importancia do Consello de Galiza, creado en Montevideo en 1944 por deputados galegos exiliados a modo de continuidade dun autogoberno en plena ditadura. Porén, remarcou que “non se poden outorgar títulos políticos coma se fosen títulos nobiliarios”. Ao contrario, invitoui a “situar por enriba de nós mesmos ao home que perdeu a arcadia da vida pero atopou un camiño para o futuro”.

Silvia Longueira afirmou que polo que aposta o PSdeG, o partido que cada Día de Galicia homenaxea a Castelao no seu Rianxo natal, é por poñer de relevo “ese periplo que levou a sentar o precedente da vontade democrática e da construción dunha sociedade máis igualitaria”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.