Santiago de Compostela/PSdeG | A voceira de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, vén de esixir á Xunta a liberalización das peaxes das autoestradas autonómicas AG-55 que une A Coruña e Carballo e da AG-57 que une Puxeiros e Val Miñor, xa que “é un clamor social, é hora de acabar con esta inxustiza”. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, a través dunha proposición non de lei que se votará mañá por parte dos grupos parlamentarios.
Así, Otero censurou o “espolio” ao que está sometida a veciñanza de Costa da Morte, Bergantiños e Val Miñor, “principais agravados fronte ao resto da cidadanía galega” cando as demais vías de altas prestacións da comunidade autónoma son gratuítas.
“Otero censurou o ‘espolio’ ao que está sometida a veciñanza de Costa da Morte, Bergantiños e Val Miñor, ‘principais agravados fronte ao resto da cidadanía galega’ cando as demais vías de altas prestacións da comunidade autónoma son gratuítas”
Neste senso, a responsable socialista lamentou que, malia nacer sendo un vial público e gratuíto, a AG-55 privatizouse no ano 1997 aproveitando a inauguración do segundo tramo entre A Laracha e Carballo, o que supuxo “un proceso de espolio a quen lle foran expropiados os seus terreos para a construción dunha autovía pública”.
“Dende o primeiro momento, o vial contou cunha gran oposición social, algo que continúa presente debido ao lastre económico que supón para as comarcas de A Coruña, Bergantiños e Costa da Morte, así como para o asentamento da poboación nas zonas rurais destas comarcas”, sinalou a socialista, ao lembrar que teñen un estas peaxes teñen un custo “excesivo” e cuxa concesión foi prorrogada polo PP ata 2045.
Continuando con esta liña recadadora, no ano 1999 e “cunha Xunta gobernada polo PP que apostaba pola construción de autoestradas de peaxe”, sinalou Otero, inauguraron a AG-57, entre Puxeiros e Val Miñor.
“Dende aquela, os concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar, moi afectados polas peaxes que ten a autoestrada, piden a súa eliminación para non lastrar a economía das súas empresas e conectar estes concellos coa cidade de Vigo e con infraestruturas e servizos como o Hospital Álvaro Cunqueiro, a Universidade de Vigo, o aeroporto de Peinador ou o Parque Tecnolóxico de Valadares”, destacou.
Nesta liña, a voceira socialista lembrou que a Consellería de Infraestruturas reduciu as tarifas das autovías galegas “para empresas de transporte e en horario noctuno”, o cal é “insuficiente” para a cidadanía afectada.
Por todo isto, a deputada instou á Xunta a presentar, no prazo de seis meses, os estudos precisos para proceder á “liberalización” destas dúas peaxes, así como establecer “de xeito inmediato” a rebaixa das peaxes para a totalidade das persoas usuarias”.